Saltar ao contido principal
Xornal

A revista estudantil da Facultade de Filoloxía 'Nova Ólisbos. Amantes da palabra' publica o seu número cero

Os seus promotores presentárona este luns en roda de prensa

Actualizada: 17-06-2010 08:48
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A revista estudantil da Facultade de Filoloxía da USC Nova Ólisbos. Amantes da palabra inicia unha nova etapa editorial coa publicación do seu número cero, recuperando ademais o que fora un exitoso medio de expresión nacido nos anos 80, a revista Ólisbos, coa edición de dezanove números. A revista presentouse esta luns 5 na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca nun acto ao que asistiron o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC, José M. Mayán Santos; o decano e o vicedecano da Facultade de Filoloxía, Ernesto González Seoane e Juan Casas, respectivamente; e os directores da publicación, Roberto Pascual e Xandra Santos.

A publicación renace, segundo os seus promotores coa vontade de ser “unha plataforma aberta e plural para a xente nova e con iniciativa”. Dende esta perspectiva a revista “quere dinamizar a vida cultural e académica da comunidade universitaria, en concreto do estudantado, e ser un punto de encontro do que nazan novas iniciativas de diverso tipo”. Trátase dunha iniciativa que “facendo gala do seu nome, converte a desazón das páxinas en branco en consoladores fervedoiros de ideas, de cousas que dicir, que criticar, que remexer”.

No transcurso desta presentación, os directores de Nova Ólisbos explicaron que os contidos desta publicación cubren un amplo abano de temas arredor dunha serie de sección fixas. Así,  en ‘Redes’ informarase sobre outras iniciativas de similar natureza; ‘Corrente alterna’, que agrupará os artigos de opinión; ‘Para entendérmonos’, coa publicación de entrevistas; ‘Artensaio’, dedicado á publicación de ensaios; ‘Translittera’, sobre o campo da tradución; ‘Zona crítica’, na que se recollerán críticas e comentarios de obras; e ‘Cre/acción’ para a presentación de textos poéticos, teatrais e narrativos.

Neste senso, os responsables de Nova Ólisbos manifestaron a súa vontade de que a revista sexa “unha plataforma de traballo diferente  próxima” polo que neste número cero o lector atopará seccións relacionadas coa Filoloxía, pero tamén con outras que rompen lindes. O obxectivo é que a raíz da revista se xeren outros proxectos, ideas e traballos que irán acumulándose para vindeiros números.

Sumario do número 0
Neste primeiro número, a revista comeza cunha referencia á revista da Universidade do País Vasco Iguazú. Revista Artesana de Literatura y Cultura e continúa co artigo de Óscar Curros titulado ‘Crónica dunha conversa co poeta descoñecido’. A primeira entrevista publicada por Nova Ólisbos corresponde ao xornalista e escritor Antón Lopo.

Pola súa banda, a sección ‘Cre/acción’ recolle as propostas poéticas de Lorena Rey Noya, Andrea Núñez Briones, Soraya Cortiñas, Rosa Enríquez e María Lado, así como os textos teatrais de Roi Vidal Ponte e unha narración de Mario Regueiro.

Nesta ocasión, o texto da sección ‘Translattio’ corresponde a Cristina González Piñeiro, cunha tradución do texto ‘Solo andata. Righe che vanno troppo spesso a capo’ (‘Só ida. Liñas que van demasiado a miúdo ao principio’, do italiano Erri de Luca, e do poemario ‘Quattro quartieri’.

O sumario péchase co artigo de José Ignacio Fernández García, na sección ‘Artensaio’, na que fai unha reflexión sobre a banda deseñada galega, vista en perspectiva histórica.