Saltar ao contido principal
Xornal

Unha exposición de pintura amosa en Lugo a relación entre arte e ciencia

Actualizada: 17-06-2010 08:50
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Margarita Cimadevila explicou aos asistentes a realización das súas obras

A exposición de pintura de Margarita Cimadevila ‘Science & Art: particle physics’ amosa na Facultade de Veterinaria de Lugo a relación entre a arte e a ciencia. A mostra foi inaugurada este mércores, día 23, nun acto ao que asistiron os vicerreitores de Cultura e de Coordinación do Campus de Lugo, Elias J. Torres e Carlos Herrero Latorre, respectivamente; a artista autora da obra e profesora de Física e Química, Margarita Cimadevila, e a decana da Facultade de Veterinaria, Ana Mª Bravo del Moral. O evento contou ademais coa participación do Grupo de Teatro da Vicerreitoría de Cultura que realizou unha perfomance durante a presentación.

Margarita Cimadevila é licenciada pola USC en Ciencias Químicas e actualmente imparte docencia no IES Urbano Lugrís de A Coruña, centro do que ademais é directora. A idea desta mostra xurdíu tras a súa estadía na Escola de Profesores do CERN en Xenebra e foi exhibida por primeira vez no Laboratorio Europeo para a Física de Partículas deste mesmo centro.

As obras, de técnica mixta, teñen a súa orixe na estética que proporcionan as fotografías e diagramas que os físicos empregan para comprender as partículas fundamentais do universo, pero tamén se atopa fortemente influenciada pola historia galega, sendo unha temática recurrinte nas súas obras pictóricas os petroglifos galegos e outros rasgos de culturas antigas. A artista pretende difundir, deste xeito, o coñecemento da física de partículas e a relación entre a ciencia e o arte.

A mostra, que se poderá ver na Facultade de Veterinaria ata o 15 de xuño en horario de 9:00 a 21:00 horas, percorreu xa outros espazos como o Centro Comarcal da Mariña Occidental en Viveiro, a Casa das Ciencias da Coruña, a Maison da Sciencie de Bélxica ou a Facultade de Físicas de Santiago.