Saltar ao contido principal
Xornal  »  O investigador da USC Miguel A. López, primeiro español premiado co 'EASO Young Investigator Awards for Basic Science'

O investigador da USC Miguel A. López, primeiro español premiado co 'EASO Young Investigator Awards for Basic Science'

Actualizada: 16-06-2010 14:05
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O científico do Programa Ramón y Cajal no Grupo de Investigacións Biomédicas da USC, Miguel A. López, acada por vez primeira en España o ‘2008 EASO Young Investigator Awards for Basic Science’. Concedido pola Asociación Europea para o Estudo da Obesidade (EASO), o premio concédeselle ao mellor novo investigador básico de Europa no eido da obesidade. A cerimonia terá lugar o vindeiro mes de maio en Xenebra.

Entre as súas liñas de investigación, Miguel López está a traballar no metabolismo hipotalámico dos ácidos graxos e a súa implicación na regulación da dieta e obesidade. Ademais, actualmente tamén investiga o efecto da nutrición neonatal sobre a regulación da inxesta e o seu impacto sobre o desenvolvemento de fenotipos obesos no estado adulto, así como as interaccións entre sinais periféricas e moléculas hipotalámicas na regulación da inxesta. 

Licenciado en Bioloxía pola USC en 1996, Miguel López doutorouse baixo a dirección dos profesores do Departamento de Fisioloxía da Facultade de Medicina, Carlos Diéguez González e Rosa María Señarís Rodríguez. Na tese investigou os mecanismos hipotalámicos que median a inxesta de alimentos. Logo, realizou unha estancia posdoutoral na Universidade de Cambridge no laboratorio dirixido polo investigador Antonio Vidal-Puig.

Con corenta artigos en revistas internacionais, Miguel A. López é autor de 5 capítulos de libros e máis de 60 comunicacións en congresos nacionais e internacionais, sendo conferenciante invitado en sete dos encontros.

Outros galardóns obtidos por este investigador foron o Premio Extraordinario de Doutoramento da USC en 2003, o Premio de Investigación da Academia Médico-Quirúrxica da Consellaría de Sanidade en 2004 e o Premio de Investigación Básica en Obesidade da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición en 2006. Actualmente, Miguel López tamén é investigador principal en dous proxectos do Programa de Novos Emerxentes da Consellaría de Educación e do Fondo de Investigacións Sanitarias (FIS).