Saltar ao contido principal
Xornal

A Carta Xeométrica de Galicia de 1834 exhíbese por vez primeira na mostra 'Innovación e Territorio. O legado de Fontán ao século XXI'

Actualizada: 16-06-2010 14:17
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Carta Xeométrica de Galicia (1834), do matemático e xeógrafo galego Domingo Fontán, é a peza central da mostra ‘Innovación e Territorio. O legado de Fontán ao século XXI’, que este mércores 8 se inaugura no Colexio de Fonseca a partir das 20:00 horas nun acto no que participarán a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o vicerreitor de Cultura da USC, Elias Torres; o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias; o comisario da mostra, José Ramón Chantada Acosta; e un representante da Fundación Domingo Fontán. A exposición permanecerá aberta ao público ata o 23 de abril para logo trasladarse ao Campus de Lugo.

O material exposto permitirá dar a coñecer a traxectoria e a figura do ilustre  matemático e xeógrafo galego Domingo Fontán e a súa obra maxistral a Carta Xeométrica de Galicia de 1834, primeiro mapa realizado en España con rigor científico mediante métodos matemáticos, que será a base para a realización do trazado de novas estradas.

A exposición está estruturada en dous grandes apartados, por unha parte na Capela do Colexio de Fonseca preséntase o contexto histórico e social no que viviu Domingo Fontán, os acontecementos mais significativos da súa vida e a traxectoria profesional, tanto no seu aspecto docente coma político. Por outra, o Salón Artesoado presenta o proceso de elaboración e a vixencia da obra capital de Domingo Fontán a Carta Xeométrica de Galicia de 1834 e a edición posterior de 1845, que se completa con imaxes de satélite actuais feitas coa mesma escala que o mapa de Fontán.

A Carta Xeométrica
Feito con criterios científicos, o mapa de Fontán foi unha obra revolucionaria que tivo plena validez durante máis dun século, sendo pioneira ao adiantarse non só ao conxunto do estado español senón tamén a moitos países europeos. Como novidade na súa elaboración, Domingo Fontán botou man do traballo de campo e do uso do procedemento de triangulación, ata ese momento so empregado na cartografía marítima, que forneceron de exactitude o resultado final.

A elaboración desta carta comezou no ano 1817 e prolongouse ata 1834.  A referencia de partida foi a torre da catedral de Santiago ao tempo que definiu tamén unha base para conformar o primeiro triángulo. A partir de aquí percorreu a comunidade, cada un dos pobos e accidentes que se reflicten no mapa tanto en Galicia como nos territorios próximos de Asturias, León, Zamora e Portugal, referencias indispensables para proxectar e deseñar as infraestruturas de acceso a Galicia.

Finalizada a carta, foi presentada á raíña rexente pero a publicación resultou complicada polas limitacións técnicas da época e pola dificultade de atopar un gravador solvente e con experiencia. Isto obriga a Fontán a viaxar a París onde traballará con L. Bouffard, un dos mellores especialistas do seu tempo. Finalmente, en 1845 os galegos puideron ver por vez primeira a globalidade do seu territorio exactamente reflectida nunha  imaxe.