Saltar ao contido principal
Xornal

O reitor da USC visitou as escavacións da Cova de Valdavara en Becerreá

Estes depósitos caracterízanse por unha boa conversación dos restos, permitindo "un coñecemento máis completo das estratexias de comportamento das poboacións humanas" nos períodos estudados

Actualizada: 04-06-2010 09:09
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

As escavacións na Cova de Valdavara en Becerreá abren “perspectivas interesantes” para o coñecemento do poboamento humano en Galicia durante o Paleolítico Superior final. Así o indicou o investigador e director das escavacións Manuel Vaquero na visita que o reitor da USC, Senén Barro, realizou a estas prospeccións na localidade de Becerreá.

Na visita tamén participaron o director do proxecto de investigación no que se integran estes traballos arqueolóxicos, Ramón Fábregas, a codirectora das escavacións, Susana Alonso, e o concelleiro de Cultura de Becerreá, Claudio Vázquez. No transcurso da visita, Senén Barro, mostrou o agradecemento da institución académica a o Concello de Becerreá polo apoio que está a prestar para que os investigadores podan desenvolver o seu labor.

As escavacións forman parte do proxecto de investigación ‘Ocupacións humanas durante o Plistoceno na conca media do Miño’ que dirixe o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico da USC (GEPN) coa colaboración do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social da Universitat Rovira i Virgili. Integran este proxecto, ademais da Cova de Valdavara, varias intervencións arqueolóxicas realizadas entre 2006 e 2009 como as realizadas na Depresión de Monforte, na Cova Eirós (Triacastela) ou na Cova do Xato (Folgoso do Courel).

Cos traballos arqueolóxicos realizados en Valdavara localizáronse restos faunísticos e de cultura material correspondentes a utilizacións holocenas e de finais do Plistoceno, as primeiras vinculadas a usos funerarios da cavidade a finais do terceiro milenio antes de Cristo. Entre as segunda destaca a aparición de contas de colar en concha datadas no 15.000 AC. Ademais destes retos tamén se atoparon os restos de tres individuos infantís, cuxa deposición tivo lugar durante a Idade do Bronce, cara mediados do II milenio AC.

Segundo puxo de manifesto Manuel Vaquero na visita realizada este martes á Cova, os resultados obtidos nestas escavacións “poñen de manifesto o potencial dos sistemas kársticos das Serras Orientais para o desenvolvemento de proxectos de investigación arqueolóxica”. A diferenza do que ocorre noutros xacementos galegos, os depósitos sobre os que traballan actualmente os investigadores da USC caracterízanse por unha boa conversación dos restos orgánicos, o que permite “un coñecemento máis completo das estratexias de comportamento das poboacións humanas”, así como datacións radiométricas, “esenciais para situar cronoloxicamente os conxuntos”, engade o investigador.

Os rexistros en Carbono 14 obtidos polo grupo da USC para o nivel paleolítico constitúen “unha novidade no panorama arqueolóxico do Paleolítico Superior galego, xa que corresponden a un período –o Magdaleniense Inferior-Medio- para o que ata agora non se contaba con ningunha datación”.

A cova de Valdavara
Ao pé das primeiras estribacións das Serras Orientais de Galicia a unha altitude de 600 metros sobre o nivel do mar, dende o punto de vista xeolóxico a Cova de Valdavara se localiza no Dominio do Manto de Mondoñedo, formando parte da zona Asturoccidental-leonesa do Macizo Ibérico. Son formacións paleozoicas nas que predominan as rocas arenosas e pizarrosas, se ben hai que destacar a existencia de formacións calcáreas, como as Calizas de Vegadeo, nas que se empraza esta cavidade.

A Cova de Valdavara sitúase á marxe dereita do río Cruzul, un dos afluentes do río Navia. É unha pequena cavidade aberta cara o Noroeste, a uns 120 metros de altura con respecto á canle actual do río. A poucos metros por debaixo da entrada da cova, se abre unha pequena fisura na roca que parecía corresponder a unha segunda entrada ao sistema kárstico case totalmente colmatada. No noiro que se estendía ao pé desta fisura se atoparon algúns restos arqueolóxicos en superficie o que, en opinión dos investigadores, suxería a posible presenza de restos arqueolóxicos neste segundo depósito.