Saltar ao contido principal
Xornal

Os investigadores da USC comezan unha nova campaña de sondaxes na cova luguesa de Valdavara

Actualizada: 10-06-2010 14:29
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Os investigadores traballan en Valdavara dende o ano 2007
A cuarta campaña das escavacións na zona de Valdavara (Becerreá, Lugo) desenvolverase ata finais do vindeiro mes de xullo. Entre os traballos previstos este ano efectuarase unha sondaxe nun novo xacemento, Valdavara 3, situado nos terreos onde o ano pasado, a raíz dunha voadura, se descubriu unha cavidade de grandes dimensións. 

Esta nova campaña forma parte do proxecto de investigación ‘Ocupacións humanas durante o Plistoceno na conca media do Miño’ que levan a cabo conxuntamente, baixo a dirección do profesor Ramón Fábregas, o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico da USC ( GEPN ) e o Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social da Universitat Rovira i Virgili. Integran este proxecto, ademais da Cova de Valdavara, varias intervencións arqueolóxicas realizadas entre 2006 e 2009 como as realizadas na Depresión de Monforte, na Cova Eirós (Triacastela) ou na Cova do Xato (Folgoso do Courel). Os traballos en Valdavara 3 lévanse a cabo mediante un convenio entre a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia e a USC.

O inicio destas tarefas de sondaxe débese a que nos sedimentos desprendidos do recheo desta cavidade se recolleron unha gran cantidade de restos de fauna, correspondentes a diferentes especies de macromamíferos (rinoceronte, hiena, león, cabalo, pantera, oso) e algunhas pezas de industria lítica. Á espera de dispoñer de datacións absolutas, os investigadores estiman que o xacemento pode corresponder ao Pleistoceno medio final ou Pleistoceno superior inicial.

A sondaxe arqueolóxica que se está a desenvolver permitirá avaliar en pouco tempo (comparado cunha escavación en extensión) o potencial do xacemento. Por este motivo, escóllense só poucos metros cadrados da superficie do xacemento para escavar e chegar á base do depósito. Neste senso, o obxectivo da intervención deste ano en Valdavara 3 é determinar se aínda queda depósito arqueolóxico conservado, “ou se todo caeu a raíz da voadura”, puntualizan os investigadores.

Ademais do traballo xa iniciado, continuarase coas tarefas na Cova de Valdavara 1 e 2, onde o equipo escava dende o ano 2007 e onde se atoparon evidencias da Idade do Bronce, do Neolítico final/Calcolítico, do Mesolítico e do Paleolítico superior final. Tanto neste caso como na sondaxe en Valdavara 3 cóntase co apoio do Concello de Becerreá.

A cova de Valdavara
Ao pé das primeiras estribacións das Serras Orientais de Galicia a unha altitude de 600 metros sobre o nivel do mar, dende o punto de vista xeolóxico a Cova de Valdavara localízase no Dominio do Manto de Mondoñedo, formando parte da zona Asturoccidental-leonesa do Macizo Ibérico. Son formacións paleozoicas nas que predominan as rochas areosas e pizarrosas, se ben hai que destacar a existencia de formacións calcáreas, como as Calizas de Vegadeo, nas que se empraza esta cavidade.

A Cova de Valdavara sitúase á marxe dereita do río Cruzul, un dos afluentes do río Navia. É unha pequena cavidade aberta cara o Noroeste, a uns 120 metros de altura con respecto á canle actual do río. A poucos metros por debaixo da entrada da cova ábrese unha pequena fisura na roca que parecía corresponder a unha segunda entrada ao sistema kárstico case totalmente colmatada. No noiro que se estendía ao pé desta fisura atopáronse algúns restos arqueolóxicos en superficie, o que en opinión dos investigadores suxería a posible presenza de restos arqueolóxicos neste segundo depósito.