A USC colabora coa organización do I Congreso sobre Literatura e Violencia de Xénero ‘De Miss
Marphle a Lisbeth Salander’, sumándose así á conmemoración o 25 de novembro do Día Internacional da
Eliminación da Violencia contra a Muller.
Este congreso celebrarase en Santiago de Compostela 24 e 25 de novembro, para o que as persoas
interesadas deberán formalizar a súa matrícula antes do 20 de novembro. Neste senso, o alumnado da
USC que decida inscribirse poderá validar a súa asistencia ao congreso cun crédito de libre
configuración.
O programa arrancará cunha conferencia sobre a casuística e imaxinario da violencia contra as
mulleres na literatura, para continuar cunha mesa redonda sobre a violencia de xénero na literatura
galega e cun panel de intervencións sobre a percepción da violencia contra as mulleres no discurso
literario masculino. Para pechar a primeira xornada proxectaranse diversas curtametraxes contra a
violencia de xénero baixo o lema ‘O cine: un educador emocional na violencia de xénero?’.
O mesmo 25 de novembro o congreso terá como actos centrais unha conferencia da escritora
Ángeles Caso na que presentará as súas reflexións sobre os malos tratos na literatura e unha mesa
redonda na que se analizará a postura de escritoras e escritores fronte á violencia de xénero. Nela
participarán Susana Fortes, Lola López Mondéjar, Nativel Preciado e Javier Reverte.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á
paxina
web da Oficina de Igualdade de Xénero da USC.