Saltar ao contido principal
Xornal  »  Unha mostra en Física axuda a comprender os misterios do cosmos

Unha mostra en Física axuda a comprender os misterios do cosmos

Actualizada: 17-01-2011 09:32
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
‘Desentrañando os misterios do Cosmos coa Física de Astropartículas’ é a mostra que se poderá visitar entre o vindeiros luns 17, a partir das 11:00 horas, e o día 27 no edificio central da Facultade de Física, organizado polo grupo de investigación en Astropartículas da USC.
 
Paneis descritivos, imaxes fotográficas e vídeos conforman un percorrido temático que pretende achegar á cidadanía os misterios da materia e a enerxía escuras, a detección de ondas gravitacionais, a caza das partículas máis enerxéticas do universo realizada polo observatorio de raios cósmicos Pierre Auger, a astronomía de raios gamma ou os traballos realizados no meirande acelerador de partículas do mundo.
 
O visitante da mostra familiarizarase cos conceptos esenciais da física de astropartículas ao tempo que entrará en contacto cos grandes experimentos que na actualidade se están a desenvolver de cara a unha mellor comprensión do cosmos.
 
A exposición, xunto con outras actividades programadas, fináncianse dentro do proxecto Fecyt ‘ Semana española das Astropartículas’, así como polos proxectos Consolider CPAN e Multidark e polo propio grupo de investigación co apoio do centro compostelán. A iniciativa forma parte dun programa de actividades que a comunidade científica internacional en astropartículas promove co obxecto de achegar a ciencia á cidadanía.

 A mostra, que xa ten confirmada a visita de grupos de escolares de diversos puntos da xeografía galega, pódese visitar en todo o horario de apertura da Facultade, de 9:00 a 21:00 horas, aínda que os organizadores recomendan facelo mediante visita guiada do persoal do grupo de investigación entre as 10:00 e as 13:00 horas ou de 16 a 19 horas. Para realizar as reservas, os grupos interesados poden dirixirse ao correo electrónico gonzalo.parente@usc.es