Saltar ao contido principal
Xornal

Os Premios María Barbeito de Educación en Galicia galardoarán a innovación, a calidade educativa e a renovación pedagóxica

A USC, coa colaboración da Consellaría de Educación, convocan estes premios que permanecerán abertos ata o 30 de xuño

Actualizada: 04-03-2011 12:32
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
A Universidade de Santiago acaba de abrir a convocatoria dos III Premios María Barbeito de Educación en Galicia, que a USC convoca a través da Facultade de Ciencias da Educación en colaboración coa Consellaría de Educación. Os premios recoñecerán publicamente aquelas iniciativas, centros e investigacións psicopedagóxicas que polo seu valor e interese contribúan ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo así a innovación, a calidade educativa e a renovación pedagóxica.
 
A vicerreitora de Persoal Docente e Investigador, Carmen Fernández Morante, e o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás, presentaron as bases da convocatoria nun acto celebrado este venres na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca.
 
O premio contempla dúas convocatorias, unha dedicada a salientar a Investigación Pedagóxica e o outra orientada á Innovación e á Experiencia Pedagóxica. No primeiro caso recoñecerase aqueles informes orixinais referidos ao coñecemento da educación en Galicia, sempre que estean elaboradon durante os dous últimos cursos académicos, 2009-2010 ou 2010-2011. Neste caso, establécese un único premio dotado con 1.500 euros.
 
Pola súa banda, o Premio á Innovación e á Experiencia, recoñecerá aquela experiencia realizada nun centro educativo de ámbito non universitario en Galicia e que se considere de máxima calidade global de actuación. Os traballos deberán versar preferentemente sobre organización escolar, integración e tratamento da diversidade, normalización lingüística na educación, innovación didáctica en áreas ou materias, a incorporación das novas tecnoloxías ou formación profesional.
 
Neste modalidade contémplanse dous galardóns, un primeiro dotado con 1.000 euros e un segundo premio con 500 euros.
 
Bases
Os traballos presentados serán orixinais e inéditos, debendo estar redactado ou elaborados en lingua galega. Presentaranse por triplicado, en DIN A4, mecanografados a duplo espazo por unha soa cara, podendo acompañarse de toda a documentación complementaria escrita e gráfica que os concursantes consideren oportuna. As propostas non poderán ser dunha extensión inferior ás 150 páxinas no caso da modalidade de ‘Investigación Educativa’
 
A presentación dos orixinais realizarase no rexistro da Secretaría de Decanato da Facultade de Ciencias da Educación, estendéndose o período de recepción ata o 30 de xuño de 2011. Deberán ir debidamente identificados na solicitude de participación dirixida ao decano, facendo constar nome da entidade, institución, persoas responsables da autoría; enderezo profesional e teléfono; título do traballo presentado; e modalidade á que se concursa.
 
Xulgarán as propostas presentadas dous xurados específicos, formados en cada caso por cinco personalidades do ámbito educativo designadas conxuntamente pola Reitoría da USC e a propia Facultade de Ciencias da Educación, segundo se anunciará cunha antelación dun mes á data de concesión dos premios.
 
A data pública do ditame e o acto de libramento dos premios terá lugar por medio dun acto público que se celebrará en Compostela no mes de outubro de 2011.
 
María Barbeito
Estes premios toman o nome de quen impulsara unha acción escolar e educativa que se estendía dende as escolas de Guarda ata a tribuna pública na Sociedade de Artesáns, dende a promoción das colonias ata os escritos en defensa dos nenos e nenas. María Barbeito desenvolveu un intenso traballo pedagóxico e de renovación metodolóxica, particularmente apreciable na súa elaboración de procedementos metodolóxicos para a realización da lectura global.
 
En contacto coa vangarda pedagóxica europea, que coñeceu a través de diversas visitas polo continente, publicou dez traballos, realizou cinco traducións e pronunciou diversas conferencias, ademais de publicar artigos en prensa, ata que a ditadura franquista considerou que non debía seguir exercendo o maxisterio.