Saltar ao contido principal
Xornal

O catedrático Carlos Pajares, doutor honoris causa pola Universidade Técnica de Lisboa

Actualizada: 03-06-2011 18:05
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Carlos Pajares
O catedrático Carlos Pajares Vales acaba de ser investido este venres 3 doutor honoris causa pola Universidade Técnica de Lisboa, a proposta do Instituto Superior Técnico de Lisboa, en recoñecemento ao seu labor investigador en Física de Partículas e en concreto pola súa estreita colaboración co desenvolvemento da investigación en Portugal no eido da Física. O nomeamento coincide ademais co primeiro centenario da creación desta institución universitaria. No acto de investidura o profesor Pajares estivo acompañado polo reitor Juan Casares, polo alcalde en funcións do Concello de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e polo decano da Facultade de Física, Luis Miguel Varela Cabo.
 
O nomeamento do catedrático da USC produciuse o pasado mes de maio de xeito conxunto co do arquitecto italiano Renzo Piano, coautor entre outros edificios do Centro Pompidou, o aeroporto internacional de Osaka ou a transformación de fábrica de Fiat en Turín; o do director do Departamento de Enxeñaría Eléctrica do Massachussetts Institute of Technology (MIT), Michael Athans; e o enxeñeiro portugués Manuel Ferreira de Oliveira, presidente da compañía Galp.
 
No seu discurso de investidura, Pajares indicou asumir este doutoramento honorífico como un “recoñecemento a anos de frutífera colaboración no campo da Física de Partículas entre o Instituto Superior Técnico e a USC”. Ao longo de máis de trinta e cinco anos “tiven a sorte de interactuar con físicos portugueses e de gozar non só da Física senón tamén da cultura, da paisaxe da xente, de tal xeito que non sinta nada de Portugal alleo a min e aos seus avances e progresos”, engadiu.
 
Proseguiu o catedrático salientando a “espectacular evolución” experimentada pola ciencia e de xeito particular pola Física de Partículas en Portugal, tanto en recursos humanos como en infraestruturas e centros dedicados á investigación neste eido.
 
O profesor Pajares, nun segundo bloque da súa intervención, referiuse á actualidade máis inmediata no campo da Física e que concretou “no gran entusiasmo que envolve a actividade do gran colisionador de hadróns” do CERN”, ao que cualificou como o “gran desafío” en Física e en Enxeñaría. Os obxectivos e o labor cotiá deste gran centro de referencia internacional oriéntanse cara a “exploración de novos mundos” o que na opinión de Carlos Pajares está asociado “á busca universal dos seres humanos pola unicidade, simplicidade e beleza”.
 
Carlos Pajares
Carlos Pajares (Madrid, 1945) foi reitor da USC entre 1984 e 1990 e primeiro decano da Facultade de Física. Destaca o seu traballo investigador nas partículas elementais e é recoñecido internacionalmente o valor das súas achegas no eido das interaccións partícula-núcleo e materia a alta densidade. Ademais é delegado de España no CERN.
 
En concreto, Carlos Pajares centrou a súa investigación na orixe do universo e en como reproducir experimentalmente este fenómeno mediante aceleradores. O departamento de Física de Partículas no que traballa intenta responder, realizando investigación básica, ás preguntas fundamentais sobre a constitución do universo e da materia. Neste eido, o catedrático explica que a materia do universo que coñecemos supón unicamente o 4%. “O resto está formado por materia escura, que non produce ningún tipo de radiación, e enerxía escura da que non coñecemos a orixe”, matiza.
 
Resultados de investigacións de Carlos Pajares como o teorema self-shadowing, a absorción da partícula J en núcleos e as interaccións de campos de color correspondentes a diversas fontes formando a percolación de cordas, tiveron unha ampla difusión e o recoñecemento internacional.
 
Premio Galicia de Investigación, é autor de máis de 130 artigos de investigación publicados nas mellores revistas especializadas, así como doutros 45 artigos como resultado de conferencias e congresos. Publicou ademais dous libros: Interacción a las interacciones fuertes (Barcelona, 1977) e Relativistic Nuclear Interactions (Moscú, 2007).
 
Ao longo da súa traxectoria, realizou estadías en universidades de Francia, Estados Unidos, Inglaterra e Suíza. Foi ademais o responsable de formar o Departamento de Física de Partículas Elementais. Por outra banda, o grupo de investigación de Materia de alta densidade co que traballa na actualidade está considerado como un dos máis destacados deste campo.
 
Carlos Pajares é membro de diversas comisións e comités científicos. Foi vicepresidente da Real Sociedade Española de Física, asesor da Unión Europea sobre plans de estudo de Física, membro do comité científico Outreach do Centro Europeo de Partículas Elementais. Formou parte ademais dos consellos asesores da Enciclopedia Galega, da Revista Galega do Ensino e da Revista Española de Física, así como da sección de Ciencia e Sociedade do Consello da Cultura de Galicia.

 Ademais foi nomeado Cabaleiro da Orde das Palmas Académicas polo goberno francés e recibiu o Premio Xunta de Galicia de Divulgación Científica en 1994 e a Medalla de Ouro da Real Sociedade Española de Física en 2000.