Saltar ao contido principal
Xornal  »  O máster en supercomputación forma profesionais para a industria e a investigación

O máster en supercomputación forma profesionais para a industria e a investigación

As Universidades de Santiago e da Coruña e o Cesga imparten o Master Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións

Actualizada: 15-06-2011 09:18
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Casares, Capilla e Barja, na presentacion do Master HPC
As técnicas de Computación de Altas Prestacións (HPC) tentan dar resposta a numerosos problemas de ciencia e enxeñaría que requiren o procesado de grandes cantidades de datos numéricos, reducindo os tempos de resolución e posibilitando o tratamento de problemas de maior complexidade. A implantación destas técnicas na industria é cada vez maior e, consecuentemente, a necesidade da comunidade científica e a empresa de contar con expertos cunha formación específica para o tratamento de grandes volumes de datos, a simulación de procesos ou o modelado preditivo.
 
Conscientes desta demanda, as Universidades de Santiago e da Coruña e o Cesga acordaron impartir conxuntamente o Master oficial Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións, que busca a formación de profesionais, tecnólogos e investigadores no campo da arquitectura de computadores e a Computación de Altas Prestacións. O posgrao presentouse este martes en Santiago nun acto ao que asistiron os reitores Juan Casares e José María Barja e o presidente do Cesga e director xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla Pueyo.
 
Na súa segunda edición o máster conta de novo co apoio de fabricantes de tecnoloxía e destacadas empresas do sector como HP, Bull, IBM, Fujitsu, AMD, Intel, Gompute e Dygra Films. Trátase de fomentar as prácticas e estudos que permitan unha maior aproximación dos estudantes á problemática e características do tecido industrial e ao aproveitamento da experiencia que estas empresas teñen nas materias obxecto de estudo.
 
Incorporación laboral inmediata
Cun total de 25 prazas (13 na Universidade de Santiago e 12 na Coruña), o máster ofrece coñecementos en computación en sistemas distribuídos, arquitectura e tecnoloxía dos supercomputadores, programación paralela, técnicas de optimización e paralelización e así até completar as trece materias repartidas en dous cuadrimestres que, xunto co Proxecto Fin de Master, proporcionan ao estudante unha formación completa. Permítese deste xeito incorporarse a centros ou departamentos de innovación, investigación e desenvolvemento, parques tecnolóxicos e industriais, centros de alta tecnoloxía ou comezar a tese doutoral na área de HPC.
 
O posgrao está aberto tanto a alumnos que finalizaron recentemente os seus estudos en calquera titulación da área de ciencias ou enxeñarías e que queiran orientar a súa carreira laboral cara ao mundo da computación de altas prestacións como a profesionais e investigadores que queiran complementar a súa formación previa coa ampliación e certificación dos seus coñecementos.

 Dado o carácter interuniversitario do Master de Computación, as sesións impártense simultaneamente a través de vídeo conferencia entre as aulas reservadas ao efecto en cada universidade e o Centro de Supercomputación de Galicia.