Saltar ao contido principal
Xornal  »  O primeiro premio do XI Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC recaeu nun proxecto que axunta recursos lingüísticos e ferramentas informáticas

O primeiro premio do XI Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC recaeu nun proxecto que axunta recursos lingüísticos e ferramentas informáticas

Actualizada: 21-06-2011 14:02
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Os promotores do proxecto premiado pertencen aos ámbitos da filoloxía, a informática e a economía
Os recursos e ferramentas lingüísticas concretas que complementadas con aplicacións informáticas dean lugares a motores de busca en corpus lingüísticos é a idea de negocio da spin off Cilenis, gañadora do primeiro premio do XI Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC. Trátase dun proxecto xurdido do labor investigador do grupo GE/ProlNat (Procesamento da Lingua Natural) de Filoloxía. Este proxecto empresarial traballará agora no uso das TIC aplicadas á lingua nos eidos da recuperación de información e a busca de recursos lingüísticos dixitais orientados a desenvolver ferramentas en galego, portugués e castelán, ademais de en inglés e francés.
 
O reitor Juan Casares fixo entrega do premio este martes 21 no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome ao equipo promotor do proxecto que integran Pablo Gamallo, doutor pola USC; Marta Muñoz e Iria del Río, licenciadas pola Universidade de Salamanca; Marcos García, licenciado da USC; Isaac José González, enxeñeiro técnico da Universidade da Coruña; Luis Magariños, licenciados da Universidade de Vigo. Os promotores recibiron un premio de 5.000 euros e a posibilidade de acceder a outros 24.000 de préstamos participativo a cargo de Unirisco Galicia SRC
 
No acto de entrega interviñeron ademais o director xeral de Promoción do Emprego da Consellaría de traballo, Andrés Hermida Trastoy; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil; e o director do programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande.
 
Biostat é a denominación do proxecto que se fixo co segundo premio deste concurso (dotado con 3.000 euros), ademais do da categoría ‘Muller Emprendedora’ (dotado con 2.000 euros). Trátase dunha empresa dedicada á provisión de servizos de bioestatística (formativos e consultivos) para os sectores relacionados coas Ciencias da Vida, que pretende aproveitar unha demanda crecente de apoio e formación no ámbito estatístico asociada a investigadores e grupos de investigación.
 
Esta é unha spin off que emana do grupo multidisciplinar GRID ECMB (Grupo Interdisciplinario de Estatística, Computación, Medicina e Bioloxía) dentro do que se desenvolven tres grandes liñas orientadas á estatística teórica, computacional e á investigación en estatística aplicada. Promoven esta iniciativa a catedrática da USC Carmen Cadarso; o doutor en Bioloxía pola USC, Vicente Lustres; a licenciada en Matemáticas pola USC, Isabel Mª Martínez; e a diplomada en Estatística pola Universidade de Salamanca, Altea Lorenzo.
 
O Premio Empresa Xove, que leva emparellado 2.000 euros, recaeu nesta edición en www.plasae.com, portal web orientado ás PEME, que permite recoller datos de maneira automática dos diferentes puntos clave de información da organización, integralos, procesalos e plasmalos nunha serie de informes periódicos de orientación práctica que axuden á toma de decisións.
 
Os servizos definidos no seu catálogo inclúen entre outros o Software Asset Management (SAM), Business Intelligence, xestión de proxectos, o control parental ou produtividade parental. Este é un proxecto que promove o licenciado en Administración e Dirección de Empresas pola USC José Higinio García, que ademais contará coa participación como socios estratéxicos do catedrático da Universidade da Coruña Antonio Grandío, e de Cokidoo, Planificación Jurídica, Audicon, Wike e de Microsoft.
 
Completando os premios entregados, a licenciada pola USC Ana Paula Martínez recibiu o galardón na categoría Proxecto Emprendemento Social (2.000 euros) por ‘CAFI. Psicoloxía, familia e adopción’, entendido como un centro de atención familiar e infantil que oferta servizos psicolóxicos destinados ás familias e persoas que a título individual necesiten axuda especializada para resolver problemas de índole intrapersoal ou relacional.
 
Ofertará dous servizos, un de intervención psicoterapéutica, basicamente de asesoramento e intervención psicolóxica para axudar ás persoas a superar as súas dificultades individuais ou relacionais, e outro de atención á adopción e postadopción.
 
O concurso
A viabilidade do proxecto, o grao de innovación dos produtos ou servizos ofrecidos, o volume de emprego proxectado, o seu carácter multidisciplinar ou a súa atención ás políticas de igualdade foron os criterios valorados polo xurado na avaliación dos 41 proxectos presentados a concurso. Á convocatoria estaba dirixida ás tres universidades galegas e aos centros asociados da UNED en Galicia, así como a empresas constituídas ao longo de 2010 que presenten un proxecto empresarial innovador.
 
Os proxectos presentados a concurso corresponden a un total de 90 promotores, dos que algo máis da metade proceden da USC, 16 da de Vigo, 15 da Coruña e 9 doutras universidades. Os centros máis representados son a de Informática, da que proceden o 11,1 por cento dos promotores, seguidos de Bioloxía (10%), Enxeñaría Industrial, Ciencias da Educación e Administración e Dirección de Empresas co 8,8 por cento cada un delas.

O xurado encargado da avaliación das propostas presidiuno o vicerreitor de Investigación, Francisco González; e integrábano ademais o director do programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande; o secretario xeral de Universidade, Alberto Díez de Castro; o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida Trastoy; o vicerreitor de Estudantes, Francisco Durán; a vicerreitora de Responsabilidade Social, Benita Silva; a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Mª Emilia Vázquez Rozas; a directora da Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora da USC, Loreto Fernández; a directora da Cátedra Jaime Vera de Emprendemento Social da USC, Elena Vázquez Cendón; a directora xeral de BIC Galicia, Maite Cancelo; e o director de Promoción de Xesgalicia, José Manuel Ortigueira.
 

Outras imaxes


O reitor presidiu a entrega de premios nun acto celebrado en San Xerome

Os 41 proxectos presentados a concurso corresponden a un total de 90 promotores