Saltar ao contido principal
Xornal

Tres institutos da provincia da Coruña gañan a primeira edición do concurso estatístico ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’

A entrega de premios terá lugar o 30 de xuño na Facultade de Matemáticas

Actualizada: 23-06-2011 10:23
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
Os Institutos de Educación Secundaria coruñeses de Mugardos, Monelos e o Fernando Wirtz Suárez resultaron os gañadores do primeiro concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’ que convoca a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación Operativa coa colaboración da Facultade de Matemáticas da USC, a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e o Instituto Galego de Estatística. A entrega de premios terá lugar o día 30 ás 12.00 horas na Facultade compostelá.
 
Entre os 34 traballos presentados a esta primeira convocatoria, o xurado recoñeceu na categoría de 1º e 2º da ESO o proxecto ‘As novas tecnoloxías, fóra da aula, no IES de Mugardos’, dos estudantes Sergio Vila Plana, Carmen Sanmartín Fero, Verónica González Regueiro, Carlos Rodeiro Mauriz e Andrés Novoa Menaya, titorizados por María Ángel Martínez Rodríguez.
 
‘Podemos predicir a estatura á que vai chegar unha persoa?’ é o título do traballo gañador entre os cursos 3º e 4º da ESO, que asinan os estudantes do IES de Monelos Águeda Castro Quintas, Carmen Méndez Sánchez, Laura Pardeiro Mariño, Laura Pérez Torres e Carmen Picado Molares. Gonzalo Temperán Becerra foi o titor.
 
Por último, dos traballos de bacharelato e ciclos formativos de grao medio, o xurado decidiu premiar o do IES Fernando Wirtz Suárez titulado ‘Cantas estrelas podemos ver, a simple vista, dende a nosa localidade?’ de María Piñeiro Ramil, Daniel Barreiro Ures, Rubén Fernández Reigosa e Diego Juárez Rodríguez e titorizado por Enrique Pujales Martínez. Tanto este como o de Monelos foron ademais elixidos para participar na fase estatal do certame.
 
Mencións especiais
Tamén o xurado quixo recoñecer con mencións especiais outros traballos presentados, como o dos estudantes de 1º e 2º da ESO do IES Otero Pedrayo de Ourense Guillermo Álvarez García, Vicente Bascoy Otero, Iñaki Quintas García, Laura Rodríguez Ortiz e Lucía del Río González coa iniciativa ‘ O entorno escolar’ titorizada por Concepción González Otero
 
Entre os de 3º e 4º da ESO entregaranse dúas mencións. Unha primeira para ‘Esta é a nosa enquisa’ do IES nº 1 de Ribeira, dos estudantes Gloria Outeiral Novo, Andrea Domínguez Santos, Andrés vilas González, Carolina Sarai Garcia Albornoz e Rafael Lustres Negreira, baixo a batuta de Olga Simón Cruz, e unha segunda para o CPI Conde de Fenosa por ‘Estudo de mercado: viabilidade da venda de bocadillos e bebidas nos recreos’ da autoría de Almudena Sar Coira, Julia Muíños Marcos, Borja Vilasánchez Rodriguez e Alejandra Díaz Martínez e con María Estraviz Lourido como titora.
 
O xurado
O xurado desta primeira edición do concurso estivo presidido por José Fisteos Suengas, da Consellería de Educación, sendo secretaria Balbina Casas Méndez, da USC. Como vogais actuaron Andrés Cabana González, do IES de Salvaterra; Salvador Naya Fernández, da Universidade da Coruña; e Esther López Vizcaíno, do Instituto Galego de Estatística.