Saltar ao contido principal
Xornal

Os Nobel de Química en 2005 e de Física en 1979 visitarán Santiago os vindeiros meses

O programa Conciencia entregaralle o Premio Fonseca a Roger Penrose o 23 de novembro

Actualizada: 14-10-2011 11:27
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Nobel de Química en 2005, Richard Schrock, á esquerda; e o Nobel de Física en 1979, Sheldon Glashow, á dereita
Logo da visita o pasado mes de xuño do Premio Nobel de Medicina Richard Roberts, o Programa ConCiencia 2011 traerá a Santiago proximamente a dúas novas figuras científicas de primeira orde. O 10 de novembro visitará a cidade o Nobel de Química en 2005, Richard Schrock, e o 13 de decembro farao o de Física en 1979, Sheldon L. Glashow. Pola súa banda, Roger Penrose recollerá o Premio Fonseca o 23 de novembro.
 
O programa destas visitas presentárono este xoves o reitor da USC, Juan Casares; o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa; e o profesor da USC e responsable de ConCiencia, Jorge Mira.
 
Richard Schrock
Richard Schrock (1945, EE.UU.) mereceu o Nobel polo desenvolvemento do método da metátese na síntese orgánica que permite ‘cambiar átomos de lugares’. Este achado abre a porta á construción de moléculas sen máis límite que a propia imaxinación, máis aló do que existe na natureza (a imaxe usual para ilustrar este mecanismo de intercambio atómico para compoñer novas moléculas é a dun baile no que as persoas poden cambiar de parella). O seu descubrimento tivo inmediata aplicación na industria farmacéutica e na do plástico.
 
Schrock, que traballa no Instituto Tecnolóxico de Massachussets (MIT), pronunciará o 10 de novembro unha conferencia co título ‘Todo sobre o Premio Nobel de Química 2005’.
 
Sheldon L. Glashow
O 13 de decembro participará en ConCiencia unha das lendas vivas da ciencia, Sheldon L. Glashow. Este físico estadounidense conseguiu un dos pasos máis importantes da física como é unificar dúas interaccións fundamentais da natureza: o electromagnetismo e a forza nuclear feble responsable da radioactividade. A súa investigación valeulle en 1979 o Premio Nobel.
 
A súa visita coincide co recente anuncio dun experimento no CERN que parece indicar que os neutrinos superan a velocidade da luz, algo que precisamente Glashow -un dos principais expertos no tema- refuta nun estudo que acaba de publicar.
 
A conferencia deste profesor da Universidade de Boston –ás 20.00 horas no Auditorio Novacaixagalicia (Preguntoiro, 23)- levará por título ‘Unha breve historia da física de partículas’.
 
Premio Fonseca
Nese mesmo auditorio o físico matemático inglés Roger Penrose (Inglaterra, 1931) recollerá o 23 de novembro o IV Premio Fonseca nunha cerimonia na que pronunciará a conferencia ‘Mirando a través do Big Bang cara a outro mundo’ . Penrose colle a estela de Stephen Hawking, James Lovelock e David Attenborough na consecución dun galardón co que o Programa ConCiencia recoñece a magnitude da repercusión social da acción divulgativa da ciencia.
 
Membro da Royal Society de Londres, en 1990 gañou o Science Book Prize e dous anos antes compartiu con Stephen Hawking o Premio Wolf en Física, considerado a antesala dos Nobel. Precisamente en 1965 en Cambridge probou con Hawking, con quen ten varias obras publicadas, que as singularidades poden formarse a partir do colapso de inmensas estrelas moribundas.
 
Moito tempo antes, en 1965 como estudante, o novo Premio Fonseca reinventou a inversa xeralizada, máis coñecida como a inversa Moore-Penrose. Outro descubrimento produto das súas investigacións nos anos sesenta sería a hipótese de censura cósmica, que propón que o universo nos protexe da impreditibilidade das singularidades como os buratos negros ocultándoos da vista. Resolver isto é un dos problemas máis importantes na teoría da relatividade.
 
É importantísima tamén a “teselación de Penrose” (ou “chan de baldosas de Penrose”), unha xeometría non periódica que cobre o espazo e que é a base teórica sobre a que se asenta o descubrimento dos cuasicristais, recoñecido este mesmo ano co Premio Nobel de Química (a Academia Sueca recoñeceu explícita e claramente o papel clave de Penrose na apertura deste campo).
 
O xurado considerou ademais a publicación en 2006 do seu libro El camino a la realidad: Una guía completa a las leyes del universo, que constitúe un dos mellores manuais de divulgación dos últimos tempos. Entre os premios recibidos por Penrose destacan as medallas Eddington en 1975, Dirac en 1989 e a Albert Einstein en 1990; o Premio Naylor en 1991 ou a importante Medalla Copley en 2008.
 

Outras imaxes


O físico matemático Roger Penrose, gañador do IV Premio Fonseca

O reitor da USC, Juan Casares; o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa; e o profesor da USC e responsable de ConCiencia, Jorge Mira, este xoves na presentación do programa