Saltar ao contido principal
Xornal

O artista portugués André Guedes reflexiona en Fonseca sobre a acción individual no actual momento colectivo

Hoxe comezamos a falar, comisariada por alumnado da USC, inaugúrase este mércores 19 ás 20.00 horas

Actualizada: 20-10-2011 12:08
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

As actrices Paula Fernández Franco e Xoana Pintos interpretando unha peza teatral do proxecto
Reflexionar sobre a necesidade de que a persoa participe nos procesos e prácticas de construción colectiva mantendo o seu lugar e a súa consciencia como suxeito. Este é o convite que fai o artista portugués André Guedes no proxecto Hoxe comezamos a falar que este mércores ás 20.00 horas se inaugura no Colexio de Fonseca.
 
A mostra Hoxe comezamos a falar -unha frase aberta extraída das recentes protestas do pasado mes de marzo na Praza dos Aliados do Porto- forma parte das actividades académicas da cuarta edición do Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC que dirixen Marisa Sobrino e Federico López-Silvestre de maneira que son os seus estudantes os que a comisarían coa clara intención de convidar a reflexionar sobre a acción humana (individual) no momento histórico presente (colectivo). Conta con co financiamento da Consellaría de Cultura.
 
A exposición está composta por dúas seccións directamente asociadas e implicadas entre si: a presentación dunha escolma de obxectos e figurinos que pertencen á Aula de Teatro da USC, e a teatralización de textos e manifestos de Voltaire, Marinetti ou Picabia, que serán interpretados por actores das diferentes compañías de teatro da Universidade e que incorporarán eses obxectos na dramatización.
 
Ambas seccións posúen unha autonomía que permite contemplar, por un lado, a museografía dos obxectos, e, por outro, a súa teatralización e relación cos textos. En certo sentido, a presentación dos obxectos constitúe unha pequena e libre historia da Aula de Teatro construída a partir dos fondos de préstamo da institución; unha investigación de André Guedes e os comisarios da exposición coa colaboración de Roberto Salgueiro, director da Aula de Teatro da USC.
 
Guedes deseña a escenografía colocando os obxectos en peañas sobre tarimas deixando que os obxectos inanimados actúen e formen parte da performance por medio da manipulación dos actores. Desta forma, facendo uso dun azar controlado, o artista xoga coa presenza dos obxectos e busca a asociación libre por parte do espectador entre os obxectos e o propio texto.
 
Con esta nova produción existe unha aproximación ao teatro como medio artístico e ás cuestións inherentes a el. Hai unha vontade de sinalar os instrumentos que compoñen a súa ortodoxia, como a escenografía, o vestiario, os actores, a interpretación, o texto dramatúrxico e a relación deste todo co espectador. Tamén hai un interese por recuperar a facultade do teatro como importante medio de crítica social. O texto dramático é substituído por sete monólogos escollidos polos comisarios entre algún que resumise as súas preocupacións de xeito que as lecturas abordan temas próximos relacionados coa moral, a individualidade, a sociedade e os valores, nas que nos podemos sentir –ou non– reflectidos ou involucrados.
 
André Guedes
Non é a primeira vez que André Guedes traballa en Santiago de Compostela. En 2006, no contexto do proxecto A cidade interpretada investigou sobre a figura de Eugenio Montero Ríos e conseguiu que unha estatua do político volvese temporalmente ao seu lugar orixinal na Praza do Obradoiro, de onde saíra no ano 1920 para situarse na súa localización actual na Praza de Mazarelos.
 
Entre as exposicións individuais de André Guedes (Lisboa, 1971) destacan L'argent, Galerie Crèvecoeur, Biennale de Belleville, París (2010); I’m not here. An exhibition without Francis Alÿs, De Appel, Amsterdam (2010); In Which the Wind is also a Protagonist, La Génerale, Sèvres, Francia (2010); World Question Centre, 2nd Athens Biennale (2009); The Losts, The Bluecoat, Liverpool (2009); AIROTIV, Centro Cultural Montehermoso, Vitoria (2009); Better Days, For These Days, Galeria Miguel Nabinho, Lisboa (2008); Disarming Matter, Dunkers Kulturhus, Helsingborg, Suecia (2008); O medio é o museo, MARCO, Vigo e Koldo Mitxelena, San Sebastian (2008); Better Days, Museo Internazionale della Musica di Bologna / Nosadella.due, Bolonia (2007); Outras árvores, outro interruptor, outro fumador e uma peça preparada, Museu de Arte Contemporânea de Serralves, O Porto (2005).
 
Colaborou ademais na concepción do espazo escénico de diferentes obras de teatro e danza e en 2007 recibiu o Premio de Artes Plásticas União Latina en Portugal.
 
Horario
A mostra permanecerá aberta ata o 30 de outubro de martes a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a  20.30 horas e as mañás dos domingos. As performances representaranse os xoves e venres de 19.00 a 20.00 e os sábados de 12.30 a 13.30 horas.
 
Comisarían a exposición Celia Adrián, Ana Baamonde, Blanca Bermúdez, Eugenia Blanco, María Díaz, Laura Domínguez, Bea Fernández, Cristina García, Isabel Gómez, Manuel González, Vanesa Iglesias, Bettina Korten, María Marco, Ángeles Novas, Ana Rodríguez, Luis Rodríguez, Sandra Romero, Óscar Sánchez e Diego Vites.
 

Outras imaxes