Saltar ao contido principal
Xornal

O Portal de ditados tópicos galegos recolle información sobre alcumes, xentilicios, refráns ou cantigas referentes a localidades galegas

Elaborouno o Instituto da Lingua Galega da USC coa colaboración da Fundación Camilo José Cela

Actualizada: 27-10-2011 14:42
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, David Rodríguez, Covadonga Rodríguez, Rosario Álvarez e Celso Gómez

O Instituto da Lingua Galega da USC e a Fundación Camilo José Cela presentaron este xoves 27 o Portal de ditados tópicos galegos, proxecto que xorde inicialmente con fichas recollidas para o Diccionario Geográfico Popular de España (DGPE), impulsado nos anos setenta polo escritor Camilo José Cela, e no que recompila información sobre alcumes, xentilicios, refráns ou cantigas referentes a localidades galegas. Na presentación do portal participaron a directora do ILG, Rosario Álvarez; Covadonga Rodríguez, en representación da Fundación Camilo José Cela; o director de Zona de Galicia de Correos, Celso Gómez; e o investigador da USC David Rodríguez Lorenzo, en representación do equipo responsable do portal.

O <em>Diccionario Geográfico Popular de España</em> tiña como obxectivo recompilar información deste tipo referente a todas as localidades españolas. Ademais de incorporar material xa publicado en refraneiros ou obras literarias, unha parte moi importante do proxecto era a realización de enquisas por toda España, para obter información de primeira man. Para esta tarefa, Cela contou coa entusiasta colaboración do corpo de Correos, que distribuíu entre o seu persoal de reparto máis de 25.000 cuestionarios para que informasen dos alcumes, xentilicios, cantigas ou refráns existentes nas súas demarcacións. Do DGPE só se publicou un tomo (dos 19 previstos), en 1998. As fichas consérvanse inéditas na Fundación Camilo José Cela en Iria Flavia. 

O portal
En xuño de 2008, o Instituto da Lingua Galega asinou un convenio coa Fundación Camilo José Cela para dixitalizar e editar as fichas do DGPE recollidas no territorio galego. Así, o Portal de ditados tópicos galegos recolle inicialmente case 4.000 rexistros (1559 alcumes colectivos, 1207 xentilicios, 328 refráns, 786 coplas e cantares e 42 pseudotopónimos). Estas formas están recollidas nunha base de datos que permite busca por categorías, por texto libre ou pola localidade á que se refiren estas entradas. Ademais, ofrécese unha reprodución gráfica de cada ficha e a transcrición dos seus contidos. O portal web tamén permite consultar material complementario, como correspondencia entre Camilo José Cela e o persoal de Correos ou representantes da intelectualidade galega a propósito dos ditados tópicos, así como diversas publicacións ligadas ao proxecto.
 
Nesta primeira fase do Portal participan os investigadores Damián Suárez Vázquez, David Rodríguez Lorenzo e Xosé Afonso Álvarez Pérez e o informático César Osorio Peláez, cuxo obxectivo co desenvolvemento deste proxecto foi “preservar este rico e abundante patrimonio inmaterial”, como subliñou a profesora Rosario Álvarez. En sucesivas etapas, o portal irase enriquecendo con información procedente doutras fontes (refraneiros, cancioneiros, artigos monográficos,...) e, incluso, mediante achegas do público que o consulte a través dun formulario dispoñible na web.
 
Idiosincrasia galega
Como se puxo de manifesto na presentación, na cultura galega cristalizaron modos alternativos de dar nome ás xentes de practicamente todas as localidades galegas. As trazas de referencia nalgúns casos aluden a produtos típicos da localidade, pementeiros/as para habitantes de Padrón, outras reflicten profesións habituais do lugar (panadeiros/as de Cea ou afiadores/as por boa parte de Ourense).
 
O equipo responsable tamén subliñou que ademais das designación con base en feitos ou características reais (localizacións xeográficas, vexetación do lugar, festas ou feiras) son frecuentes os alcumes burlescos, bromas que facían unhas aldeas a outras. Como se puxo de manifesto, existen innumerables exemplos por toda a xeografía galega, moitas veces en forma de refrán que aconsellan a persoa incauta: En Toén, vale quen ten; por Mugares, pasa e non te pares; por Untes, pasa e non preguntes, mais tamén En Ares non te pares, en Redes non te quedes e en Caamouco para pouco. En moitas ocasións, estas bromas consérvanse en forma de cantiga: As rapazas de Muimenta, / non é unha, que son todas, / poñen seis pares de medias / para facer as pernas gordas.

Para atopar máis información, as persoas interesadas poden consultar a web do proxecto: http://ilg.usc.es/ditados/ ou dirixirse ao correo electrónico   ditados.topicos@gmail.com