‘O ceo de Ribadeo, hoxe’ é o título da conferencia que este venres 10 imparte o profesor Pedro
Pablo Campo na Casa das Letras de Ribadeo dentro da iniciativa ‘Astronomía Itinerante’ incluída na
programación de divulgación do
Observatorio Astronómico Ramón María Aller.
Esta xornada itinerante de iniciación á astronomía, que este venres tamén chegou á Guitiriz da man
do profesor José Ángel Docobo, desenvolverase ás 20.00 horas incluíndo unha sesión de
observación.
Ademais de Astronomía Itinerante, o Observatorio organizou este curso actividades de
astronomía para nenas e nenos, cursiños de iniciación, visitas guiadas ou obradoiros de
telescopios, así como o XV Programa de Extensión Cultural de Astronomía, este ano aberto a toda a
sociedade.
A programación de divulgación ‘Astronomía para Todos’, desenvolvida dentro da Semana da
Ciencia e meses seguintes, conta co respaldo da Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía sendo un
dos oito centros galegos que en 2011 acadou financiamento desta fundación para a divulgación
científica.