Saltar ao contido principal
Xornal

O traballo do grupo NeurObesidad da USC relaciona o consumo de nicotina coa perda de masa corporal

É unha liña de investigación que abre novas vías contra a obsesidade

Actualizada: 08-03-2012 14:46 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O investigador Miguel López dirixe o labor do grupo NeurObesidad da USC
Nicotina, hipotálamo ou masa corporal son as variables dunha ecuación cuxo desenvolvemento parece ter atopado no traballo de investigadores composteláns unha nova resolución que relaciona o consumo de nicotina, a diminución da inxesta, o incremento do gasto enerxético e, consecuentemente, a perda de masa corporal. Pero, cómo se chega a estas conclusións?.
 
Dende hai décadas, a regulación da inxesta e o peso corporal demostráronse levar a cabo no hipotálamo, unha área localizada na base do encéfalo. Nun paso máis alá, diferentes estudos concretaron que a modulación do que unha persoa inxire está mediada pola regulación dunha proteína localizada neste rexión, chamada AMPK (AMP-activated protein kinase). A importancia deste proteína, involucrada nos primeiros pasos da produción de lípidos, radica na súa sensibilidade a calquera variación nos niveis enerxéticos da célula e o organismo.
 
Os investigadores do grupo NeurObesidad da USC, dirixido por Miguel López, acaban de subir un novo chanzo no coñecemento destes procesos. O seu traballo demostra que a nicotina inhibe a capacidade da proteína AMPK no hipotálamo provocando a diminución da inxesta e un incremento do gasto enerxético ao activar o tecido adiposo pardo. O resultado asociado a todo este proceso é unha perda de masa corporal.
 
Este achado apoia o uso da AMPK como diana terapéutica contra a obesidade e o desenvolvemento de fármacos que actúen sobre esta encima e así poder controlar tanto a inxesta como o gasto enerxético. O traballo, parte da tese de doutoramento de Pablo B. Martínez de Morentin, é unha liña que o grupo NeurObesidad desenvolve dende hai catro anos e no que estudan a posible relación entre a nicotina e AMPK no hipotálamo.

 O resultado xa ten chamado a atención da comunidade científica como evidencia que a revista Diabetes, unha das máis importantes do mundo no eido da endocrinoloxía e metabolismo, publica en liña un artigo sobre este avance (http://dx.doi.org/10.2337/db11-1079).