Saltar ao contido principal
Xornal

Un traballo do Instituto de Medicina Legal da USC proba a existencia dunha liñaxe xenética específica da área vasca

O estudo conclúe que unha parte da poboación da zona franco-cántabra é portadora dunha secuencia que se dá practicamente en exclusiva nesta rexión xeográfica

Actualizada: 20-03-2012 14:49 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Mapa no que se pode seguir o proceso de diseminación dos individuos portadores da liñaxe HV4a1a

Os resultados dun traballo desenvolvido no Instituto de Medicina Legal (IML) da Facultade de Medicina da USC demostran a existencia dunha liñaxe ou secuencia xenómica que se concentra case exclusivamente entre os habitantes da rexión franco-cántabra, cun foco principal que se podería situar na área de influencia vasca, distribuída na actualidade entre as rexións de Cantabria, País Vasco, Navarra e mais a Aquitana francesa.

O artigo, coordinado polo investigador do IML Antonio Salas Ellacuriaga e no que tamén participou outro dos membros deste centro, Alberto Gómez-Carballa, acaba de ser publicado na revista estadounidense PLoS One, unha das principais publicacións científicas do mundo en volume de artigos e grao de difusión. Científicos das universidades de Pavia e Perugia, en Italia, e de Haifa en Israel tamén fixeron as súas achegas a este traballo.

Metodoloxía de traballo
“Que a Historia se escribe tamén no ADN é un feito coñecido para os xenetistas”, asegura Antonio Salas. Hai uns anos o Instituto de Medicina Legal xa presentara na mesma revista un artigo no que se daba a coñecer o achado dunha liñaxe coñecida como H2a5, que aparentaba ter a súa orixe no País Vasco. Segundo Salas, “o traballo tivo daquela un grande impacto, xa que demostraba que nesta rexión se produciran procesos de illamento poboacional durante polo menos os últimos mil anos, e ata épocas recentes”.

Hai aproximadamente un ano iniciouse o estudo doutra liñaxe que semellaba ter unha distribución tamén peculiar, similar á de H2a5, aínda que os datos das pescudas preliminares parecían un tanto confusos. Esta liñaxe foi bautizada como HV4a1a. Decidiuse investigar máis en profundidade esta liñaxe intentado obter mostras de individuos portadores. Ao mesmo tempo, levouse a cabo unha intensa busca en bases de datos, proceso que na terminoloxía xenómica se coñece como data mining. O obxectivo era localizar esta liñaxe en poboacións representativas doutras partes do mundo. Recorreuse tamén a bases de datos privadas, localizadas en compañías dedicadas a este eido da medicina, e finalmente conseguiuse recompilar información desta recorrencia en centos de miles de secuencias.

Características diferenciais
O resultado foi sorprendente, porque concluíu que esta liñaxe estaba localizada case exclusivamente na zona franco-cántabra, con certo espallamento en localidades situadas ao longo da cornixa cantábrica, incluíndo tamén Asturias e Galicia. Con todo, destaca Antonio Salas, “o foco principal desta liñaxe estaría situado en Cantabria, País Vasco, Navarra e a Aquitania francesa”.

A historia desta liñaxe remóntase á época prehistórica. O seu devanceiro primixenio nace nalgún lugar indeterminado do Leste de Europa hai aproximadamente 14.000 anos. Desde alí, unha rama móvese cara a Oriente Medio e outra cara ao centro de Europa, hai uns 10.000 anos. Esta rama evoluciona á súa vez á liñaxe do estudo, o HV4a1a, que finalmente se establece no eixe franco-cántabro arredor do ano 3.400 antes da nosa era. Aquí, logo do período máis intenso da última glaciación, incúbase e aumenta significativamente en frecuencia.

Unha liñaxe peculiar
Para Antonio Salas, “hai moitos aspectos curiosos nesta liñaxe. Por exemplo, está detectado tamén en poboacións de Canadá, en concreto entre os acadians, un grupo poboacional que se establece en Norteamérica aproximadamente no ano 1.700” . A explicación viría dada polo feito de que moi probablemente os acadians eran orixinarios do suroeste de Francia. A liñaxe detectouse así mesmo noutros grupos canadenses, coma os gaspesians e os loyalist, tamén de orixe francesa.

Nunha obra de Benjamin Sulte de 1906 (A orixe dos franceses canadenses), este autor indica que o dialecto acadian deriva probablemente da zona do golfo de Biscaia e da rexión do río Loira. Polo tanto, os datos apuntan a que estas liñaxes se orixinaron na Aquitania francesa e, en última instancia, no País Vasco. Finalmente, existen pequenas ramas de HV4a1a que asentadas nas illas británicas (e que desde alí se instalaron tamén nos Estados Unidos), e outra sub-liñaxe que se localiza ao sur de Italia, na rexión napolitana.

Os resultados achegan tamén un feito de grande interese: a liñaxe principal HV4a1a ten aproximadamente 5.400 anos, e xunto cos varias liñaxes derivadas, obsérvase que en todos estes anos apenas traspasou as fronteiras da zona franco-cántabra. Se ben a traxectoria de HV4a1a ten certo paralelismo coa liñaxe H2a5, sobre o que se centrara o anterior estudo do Instituto de Medicina Legal neste ámbito, esta é a primeira vez que se evidencia unha continuidade xeográfica e temporal desta liñaxe nesta rexión durante un espazo tan prolongado.

En opinión de Antonio Salas, “isto indica que a rexión mantivo un evidente illamento poboacional con respecto ás rexións circundantes durante un amplo período, o que podería explicar por que nesta área ser preservaron numerosas especificidades culturais, entre as que cabe destacar o idioma vasco, illado lingüisticamente e do que a súa orixe segue sendo un misterio e obxecto de debate permanente”.

Interpretación dos resultados
Os responsables do estudo advirten sobre “a posibilidade de que un estudo destas características suscite interpretacións erróneas e confusas”. Por este motivo, Antonio Salas aclara que “desde ningún punto de vista debe pensarse que estas poboacións son distintas ao resto simplemente porque esta liñaxe se encontra localizado case exclusivamente nesta rexión”, e explícao do seguinte xeito: “Primeiro, porque soamente unha porcentaxe minoritaria dos habitantes desta zona é portadora da liñaxe estudada; e segundo, porque se trata dunha parte moi reducida do xenoma completo dun individuo, e polo tanto nada pode dicir do resto do xenoma do seu portador”.

Nesta liña, Salas explica que, dependendo do modelo e da complexidade da mestizaxe, un portador dunha liñaxe destas características en Canadá ou en calquera outro sitio podería ter “un fenotipo non europeo”; e que, en todo caso “o xenoma dos individuos, procedan de onde procedan, é tan parecido que as diferenzas non chegan nin ao 3% do total no caso máis extremo”.

A utilidade práctica deste tipo de información biomédica é, non obstante, moi variado para outras disciplinas. Así, coñecer o patrón de variabilidade xenética nas poboacións humanas pode ser decisivo en investigacións policiais de cara á elaboración do retrato-robot xenético dun potencial sospeitoso, incluído a posibilidade de coñecer a súa orixe xeográfica.


Outras imaxes


Antonio Salas, membro do Instituto de Medicina Legal da USC e responsable da investigación