Saltar ao contido principal
Xornal

O estudo xenético do ADN mitocondrial desvela antigos vínculos entre as poboacións de África e Europa

Investigadores da USC presentaron a primeira evidencia xenética de fluxo de xenes nun período prehistórico entre África e Europa, concretamente hai 11.000 anos

Actualizada: 26-03-2012 13:51
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
É probable que nos xenes de quen agora le estas liñas se atopen segmentos que se remonten a episodios de intercambio xenético entre africanos e europeos de hai centos ou, se cadra, miles de anos. O imperio romano, a conquista árabe ou o tráfico de escravos son episodios históricos que fan viable esta comunicación entre os dous continentes e que agora a ciencia acaba de evidenciar, pero ampliando a antigüidade deste período de contacto. Un grupo de investigadores da USC que coordina o doutor Antonio Salas Ellacuriaga, presentaron a primeira evidencia xenética de fluxo de xenes nun período prehistórico entre África e Europa, concretamente dende hai 11.000 anos. O tema ten o valor engadido ademais de ter acaparado a portada de Genome Research (www.genome.org), na actualidade considerada como a mellor revista científica internacional de xenómica.
 
Neste estudo, un equipo internacional de investigadores coordinados polo profesor Salas realizaron a maior análise de xenomas de ADN mitocondrial completo pertencentes ao haplogrupo L (un conxunto de liñaxes xenéticos de orixe subsahariano de África) en Europa ata a actualidade, co obxectivo de desentrañar a historia dos vínculos xenéticos entre os dous continentes.
 
Para seguir a evolución e ascendencia dos humanos, os científicos estudan a secuencia de ADN da mitocondria, unha estrutura celular especializada que produce enerxía para a célula e transporta información xenética que está separada do resto do xenoma que se atopa no núcleo. Mentres que o xenoma nuclear é unha mestura de información xenética da nai e o pai, o ADN mitocondrial (mtDNA) pasa directamente da nai ao fillo sen ningún tipo de contribución de ADN do pai. Como apunta Antonio Salas, non todo o mtDNA é exactamente igual: durante longos períodos de tempo foron xurdindo pequenos cambios na secuencia de ADN mitocondrial de diferentes poboacións. Os xenetistas poden utilizar estes cambios como marcadores que indican os movementos e migracións dos seres humanos no pasado, clasificándoos en ‘haplogrupos específicos’.
 
Ao comparar as secuencias dos xenomas de ADN mitocondrial de distintas rexións de Europa cos xenomas mitocondriais de todo o mundo, se realizou unha observación nova con respecto a cando as liñaxes subsaharianos apareceron en Europa. "Foi moi sorprendente atopar que máis do 35% das liñaxes subsaharianas no continente europeo chegaron nun período que se remonta a máis de 11.000 anos atrás con respecto aos tempos do Imperio Romano", subliña Antonio Salas. O 65% restante, do mesmo haplogrupo L, tería chegado en tempos máis recentes. Completando a análise, analizáronse outras partes do xenoma dos individuos europeos co obxecto de descartar a migración recente, eliminando así factores que puideran desvirtuar os resultados alcanzados.
 
Os autores do traballo explican que a conectaron entre o África subsahariana e Europa non se produciu unicamente a través de África do Norte, senón tamén directamente polas rutas costeiras. Salas busca explicacións a este fluxo na última glaciación ao empuxar a algúns europeos cara ao sur, onde permanecerán ata que o glaciar retrocedeu e a poboación regresou ao norte.
 
Ademais de trazar os vínculos xenéticos de África e Europa en tempos prehistóricos, Antonio Salas espera que o seu traballo tamén axudará a aquelas persoas que desexan aprender máis acerca da súa propia ascendencia. "Hai un interese crecente nos test xenéticos, particularmente os destinados a servir a un público interesado na reconstrución dos seus devanceiros", explica o investigador.
 
Baixo a coordinación de científicos da USC, a este traballo contribuíron estudosos das universidades de Perugia e Pavía, de Italia; a Fundación Sorenson Molecular Genealogy (Salt Lake City, UT); a Universidade de Oxford (Reino Unido); e o Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses de Sevilla. Ademais, contou co apoio do antigo Ministerio de Ciencia e Innovación (España), o proxecto EUROTAST e o Ministerio italiano da Universidade.
 
Portada Genome Research
O equipo da USC acapara por segunda vez a portada desta importante publicación especializada logo de que no número de setembro de 2010 Genome Research destacara un artigo sobre a orixe dos nativos americanos que tamén asinaban os investigadores da USC en colaboración cun grupo internacional. Ademais, o grupo suma con este o seu segundo artigo publicado este ano nesta publicación.

 Nesta ocasión ademais, o selo galego é dobre, xa que o traballo gráfico que se presenta na cuberta corresponde ao coñecido artista de orixe ourensán Fernando Barreira (bPORb; Creative Projects).