Saltar ao contido principal
Xornal  »  Aberta a matrícula no IV Fiadeiro de localización de software libre

Aberta a matrícula no IV Fiadeiro de localización de software libre

Dirixido a toda a comunidade universitaria, desenvolverase en tres xornadas a finais de abril

Actualizada: 27-03-2012 14:10
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
A Universidade de Santiago mantén aberto ata o 15 de abril o prazo para matricularse na cuarta edición do Fiadeiro de localización de software libre. Nesta ocasión, o IV ETSE Open de SL proponse como obxectivo verter ao galego o editor de HTML BlueGriffon, o subtitulador de vídeos Universal Subtitles e a axuda de parte do Libre Office, o paquete ofimático de código aberto (de balde e xa localizado ao galego) desenvolvida por The Document Foundation como unha bifurcación de OpenOffice. Todo se fará en tres sesións, os días 19, 26 e 28 de abril.
 
A tradución destas aplicacións faranas as persoas asistentes ao Fiadeiro, que primeiro aprenderán os procedementos de localización de software e a utilización de ferramentas específicas para logo aplicalos. Farano por parellas, a cada unha das cales se lle encomendará unha aplicación, e para iso contarán co asesoramento dos profesores do Fiadeiro, Antón Méixome e Enrique Estévez. Nesa xornada práctica partillarán ademais un lixeiro xantar, música e algunha proposta de lecer.
 
O Fiadeiro está aberto a toda a comunidade universitaria, que verá recoñecido o seu traballo e a adquisición de novas habilidades lingüísticas e informáticas cun diploma de asistencia de 15 horas, cunha constancia da experiencia en tradución da aplicación encomendada. Ten tamén recoñecido 1 crédito de libre configuración curricular para todas as titulacións de 1º e 2º ciclo e está solicitado o recoñecemento como competencia transversal para os graos.
 
Por outra banda, concederáselle o premio ‘Máis e mellor’ a aquela parella que traduza máis cadeas e con meirande calidade na sesión de localización, dotado en metálico con 0,80 € por palabra única traducida correcta.
 
O IV Fiadeiro de localización de SL é unha actividade da Comisión de Normalización Lingüística da ETSE, organizada conxuntamente co Servizo de Normalización Lingüística e a colaboración de Trasno.