Saltar ao contido principal
Xornal

Menús en Transición, unha alternativa de consumo responsable na USC

Elaborados con produtos ecolóxicos, de tempada e locais

Actualizada: 20-04-2012 12:46
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
A comunidade universitaria de Santiago terá a oportunidade de consumir a vindeira semana un menú completo con produtos con certificación ecolóxica. Trátase dunha experiencia piloto do programa USC en Transición impulsado pola Oficina de Desenvolvemento Sostible.
 
‘Menús en transición’ busca promover o consumo responsable en restaurantes da universidade. Para iso, do 23 ao 27 de abril o restaurante universitario Burgo das Nacións (Campus Norte) e o da Facultade de Matemáticas (Campus Sur) ofrecerán ao mesmo prezo que o resto un menú elaborado con produtos ecolóxicos, de tempada e locais.
 
Granxa Familiar
A actividade está organizada en colaboración con Granxa Familiar, un proxecto universitario promovido polo Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio que creou unha plataforma dixital para pór en contacto directamente a produtores e consumidores. Os valores fundamentais deste proxecto son o respecto polo medio ambiente, a saúde pública, o comercio xusto e a responsabilidade social.
 
USC en Transición
USC en Transición está a traballar en Santiago na difusión das vantaxes de hábitos de consumo responsable na alimentación como un dos piares das comunidades en transición. A USC foi a primeira institución universitaria española en adoptar esta filosofía, coa que se pretende dinamizar á comunidade universitaria da USC para pór en marcha procesos participativos que contribúan a reducir a pegada e a débeda ecolóxica da universidade.