Saltar ao contido principal
Xornal  »  A USC solicita a retirada do Decreto de 'medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo'

A USC solicita a retirada do Decreto de 'medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo'

Acordouno, por unanimidade, o Consello de Goberno, na reunión do 27 de abril

Actualizada: 30-04-2012 09:44
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela solicita a retirada do Decreto de 'medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo', segundo un acordo, por unanimidade, do venres 27 deste mes de abril, que transcribimos de seguido:

 

“O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela, reunido en sesión ordinaria o 27 de abril de 2012, tras analizar o Real Decreto-Lei 14/2012, de 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, acorda por unanimidade realizar as seguintes consideracións: 

PRIMEIRA.- O rexeitamento absoluto, tanto da forma como do fondo, do citado Real Decreto-Lei, que prexudica gravemente o modelo de universidade pública, na que debe primar o principio de igualdade de oportunidades previsto na exposición de motivos da Lei Orgánica de Universidades. 

SEGUNDA.- O rexeitamento expreso e específico de tres medidas consideradas de especial gravidade:  

1. A subida dos prezos públicos nun momento de crise económica como a que se está a padecer.

2. Os mecanismos propostos para a valoración da dedicación docente e investigadora, que agravan os problemas actuais da universidade.

3. A regulación de aspectos fundamentais que vulneran a autonomía universitaria e que están reservados ás institucións académicas. 

TERCEIRA.- A universidade está a experimentar un proceso de cambio importante nas últimas décadas, tanto na súa actividade docente como investigadora. Este proceso está a dar resultados de mellora que repercuten moi favorablemente na sociedade. O Real Decreto-Lei representa un obstáculo claro nesta evolución.

CUARTA.- O proceso de mellora da universidade é continuo, e aínda quedan por abordar importantes problemas aos que cómpre buscar solución. Sen embargo, o Real Decreto-Lei, ao non elaborarse de xeito consensuado,  é alleo a boa parte destas deficiencias. A comunidade universitaria fai autocrítica e anima a toda sociedade a contribuír á toma de decisións que melloren a educación superior. 

Por todo isto:

1.      Solicítase a retirada do Real Decreto-Lei e o inicio dun proceso de negociación cos/as reitores/as das universidades para dar solución real aos problemas que neste momento ten a universidade pública española.

2.      Ínstase a Xunta de Galicia a asumir as responsabilidades que lle correspondan no marco das súas competencias, garantindo o financiamento público das universidades do sistema universitario de Galicia, sen repercutir a subida dos prezos nos sectores menos favorecidos da sociedade galega.

3.      Exhórtase a toda a sociedade en xeral, e á comunidade universitaria en particular, a participar na defensa e na mellora do sistema universitario como servizo público de progreso e cohesión social”.