Saltar ao contido principal
Xornal  »  Un consorcio de cinco países da UE liderado pola USC inicia no edificio Emprendia un proxecto que estudará a utilización de musgos como detectores de contaminación

Un consorcio de cinco países da UE liderado pola USC inicia no edificio Emprendia un proxecto que estudará a utilización de musgos como detectores de contaminación

Coa participación de socios de España, Alemaña, Italia, Francia e Irlanda, o investigador do grupo de Ecotoxicoloxía José Ángel Fernández lidera este consorcio ao que á USC outorgou 3,5 millóns de euros

Actualizada: 10-05-2012 14:30
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O edificio Emprendia acolleu aos representantes das dez entidades e institucións implicadas, entre universidades, laboratorios, centros de investigación e empresas
Un consorcio internacional de cinco países da UE liderado polo profesor do Departamento de Bioloxía Celular e Ecoloxía José Ángel Fernández Escribano iniciou este xoves no edificio Emprendia o desenvolvemento dun proxecto que estudará a utilización de musgos desvitalizados para a avaliación e xestión da calidade do aire, concretamente para medir a contaminación por compostos orgánicos e inorgánicos, especialmente hidrocarburos.
 
O proxecto denomínase Mossclone, e nel participan por parte da USC o grupo Ecotox, (Ecotoxicología e Ecofisioloxía Vexetal), o Departamento de Enxeñaría Química e a spin-off Biovía.
 
Representantes das universidades, laboratorios, centros de investigación e empresas de España, Alemaña, Italia, Francia e Irlanda implicados déronse cita no edificio Emprendia da USC para definir o plan de traballo dos vindeiros tres anos e repartir as funcións que cada grupo acometerá. A UE apoia este proxecto con 3,5 millóns de euros da convocatoria Eco-Innovat do 7º Programa Marco, o que representa o 75 por cento do volume total de inversión.
 
Como explica José Ángel Fernández, as técnicas biotecnolóxicas actuais permiten cultivar musgos en biorreactores posibilitando ademais illar un clon de musgo, cultivalo e producir material estándar (cun alto grao de patentabilidade) comparable á utilización de resinas ou polímeros para o control da calidade atmosférica.
 
Biovía

Biovía é unha spin-off participada pola USC que busca levar ao mercado novas ferramentas ambientais baseadas na biomonitorización para a vixilancia e control do medio ambiente, comercializando técnicas de bioensaio da contaminación nos distintos ecosistemas terrestres e acuáticos, así como deseño e redes de biomonitorización local, urbana e rexional.