Saltar ao contido principal
Xornal

Investigadores do grupo NeurObesidade da USC sinalan novas dianas terapéuticas para o tratamento da obesidade

Os investigadores da USC acaban de publicar na revista Cell, a máis importante do mundo en Biomedicina e Bioloxía Molecular, novos achados en colaboración con investigadores de Barcelona, Iowa, Estocolmo e Cambridge

Actualizada: 11-05-2012 14:07 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cunha cámara térmica móstrase o efecto da administración central de BMP8B sobre a temperatura do tecido adiposo pardo en ratas. A rata tratada con BMP8B ten maior temperatura nesta zona, o que indica unha maior activación da termoxénese
Novos achados relativos á regulación do tecido adiposo pardo van cercando cada vez máis a epidemia da obesidade, segundo os últimos resultados do traballo do grupo de investigación NeurObesidade da USC, adscrito ao CIBERobn e dirixido por Miguel López, investigador Ramón y Cajal. Os investigadores demostran por vez primeira que a proteína BMP8B se expresa en niveis elevados no tecido adiposo pardo e no hipotálamo modulando, entre outros aspectos, a capacidade deste tecido para “queimar graxa”. Este é un novo chanzo de cara a definir posibles dianas terapéuticas e desenvolver novos fármacos contra a obesidade e o control da masa corporal.
 
A publicación de maior impacto en todo o mundo en materia de Biomedicina, a revista Cell, xa mostrou o seu interese neste traballo incluíndoo no seu último número co título BMP8B Increases Brown Adipose Tissue Thermogenesis through Both Central and Peripheral Actions . Estes son os primeiros resultados dos traballos que Miguel López, investigador Ramón y Cajal, desenvolve ao abeiro do programa Starting Grant en apenas uns meses dende a súa concesión polo European Research Council.
 
O labor realizado por estes investigadores nos últimos catro anos demostrou que un dos mecanismos que subxace á epidemia da obesidade é un “mal funcionamento” do tecido adiposo pardo. Unha das súas particularidades é que este tecido non almacena lípidos, senón que os oxida para obter enerxía que á súa vez se disipa en forma de calor, fenómeno denominado termoxénese. En resumen, o tecido adiposo pardo axudaría a queimar máis calorías e producir calor corporal a partir das graxas.
 
Estes datos explican o interese que este tecido esperta como posible diana terapéutica no tratamento da obesidade. Non obstante, como sinala Miguel López, os mecanismos moleculares que regulan o seu funcionamento “non son de todo coñecidos polo que é determinante comprendelos”. Así, o grupo do investigador Ramón y Cajal compostelán en colaboración con outros equipos de Barcelona, Iowa, Estocolmo e Cambridge, demostra agora que a proteína morfoxenética ósea 8B (BMP8B) “xoga un papel fundamental na regulación da termoxénese pola graxa parda”. Estas proteínas son factores de crecemento tradicionalmente implicadas na formación de óso, cartílago e tecido conxuntivo.
 
Como parte do seu traballo, os investigadores comprobaron que ratos que carecen de BMP8B son marcadamente obesos a pesar de ter unha inxesta reducida, cando se lles compara con outros normais. A diferenza estaría en que os primeiros terían unha menor capacidade para queimar graxa no tecido adiposo pardo.
 
Influencia do hipotálamo
Os efectos de BMP8B sobre a graxa están mediados polo hipotálamo, zona do cerebro de especial importancia na regulación da enerxía. Segundo os ensaios realizados, Miguel López explica que a administración de doses mínimas desta proteína directamente no hipotálamo “foi suficiente para incrementar de modo moi potente a temperatura corporal dos animais, como resultado dunha estimulación da produción de calor polo tecido adiposo pardo”.
 
Esta acción depende da actividade de AMPK (AMP-activated protein kinase) nun número reducido de neuronas no hipotálamo coñecidas como núcleo ventromedial (VMH). En concreto, “a activación de AMPK reverte o efecto de BMP8B sobre a disipación da calor pola graxa parda” explica o investigador. Os datos alcanzados apuntan ao uso tanto de AMPK como de BMP8B no hipotálamo como posibles dianas terapéuticas contra a obesidade e o desenvolvemento de fármacos para así poder controlar a masa corporal.
 
Este estudo forma parte da tese de doutoramento de Luís Martíns, dirixida por Miguel López e conta con financiamento de proxectos da Xunta de Galicia, o Instituto de Salud Carlos III e do programa Starting Grant.
 
Cell , Nature, Diabetes...
Os novos avances experimentados polos investigadores composteláns forman parte dunha traxectoria que nos últimos anos ten avanzado un importante percorrido na loita contra a obesidade e cunha importante proxección pública, en paralelo, dos resultados do traballo realizado no laboratorio polo grupo de Miguel López.
 
Así, en maio de 2008, nun traballo publicado por Miguel López e Carlos Diéguez en Cell Metabolism presentábase un novo mecanismo fisiolóxico co que demostraban como unha hormona periférica producida polo estómago, a ghrelina, modula a inxestión no hipotálamo.
 
Posteriormente, en setembro de 2010, Nature Medicine publicaba outro traballo dos mesmos investigadores que descubría un novo mecanismo polo que as hormonas tiroideas regulan a masa corporal. Ano e medio despois, a Asociación Americana de Diabetes, a través da súa publicación Diabetes , relacionaba o consumo de nicotina coa perda de masa corporal, a través do traballo dos investigadores de NeurObesidad da USC.

Agora tócalle a quenda á revista Cell, considerada a máis importante do ámbito da Biomedicina e Bioloxía Molecular e na que apenas se teñen publicado un par de ducias de artigos orixinais asinados por investigadores procedentes de España.