Saltar ao contido principal
Xornal  »  O libro <em>O amor que eu levei de Santiago</em> traza o primeiro roteiro da lírica medieval trobadoresca para a cidade de Santiago e a súa área mais próxima

O libro O amor que eu levei de Santiago traza o primeiro roteiro da lírica medieval trobadoresca para a cidade de Santiago e a súa área mais próxima

Actualizada: 24-05-2012 13:35
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Mª Isabel Morán Cabanas e José António Souto Cabo son os profesores da USC que participan neste proxecto editorial
Seguindo os pasos dos trobadores e xograres que compuñan as súas cantigas en galego-portugués, os profesores da USC José António Souto Cabo e Mª Isabel Morán Cabanas xunto coa catedrática da Universidade Estadual de Campinas-São Paulo (Brasil) Yara Frateschi Vieira acaban de publicar O amor que eu levei de Santiago, primeiro roteiro histórico-literario sobre trobadores e xograres preparado para a cidade de Santiago de Compostela e a súa área mais próxima que toma o seu título do verso dunha cantiga de amigo do trobador Fernando Esquio.
 
Neste obra explícanse os puntos da cidade, así como dos concellos limítrofes de Teo e Brión, vinculados á lírica trobadoresca, transitando polas rúas, prazas, igrexas e barrios que son citados por trobadores e xograres de toda a Península Ibérica. Esta proposta editorial transcorre ao longo de 20 cantigas acompañadas de breves explicacións sobre a súas orixes e os seu contidos, ofrecendo nalgúns casos información nova tanto sobre datos de carácter histórico-documental como en relación ás interpretacións dos versos. Ademais, cada cantiga é ilustrada con fotografías de lugares da cidade ou arredores, recollendo maioritariamente detalles relativos a época medieval.
 
Sempre que foi posible, os autores tentaron mostrar elementos arquitectónicos ou figuras que, en xeral, son pouco coñecidos para o cidadán ou visitante de Compostela. Así, este roteiro achégase ao claustro románico do Mosteiro de Santa María de Conxo, a percorrer a rúa da Moeda Vella ou a reparar nas figuras da Igrexa de Santa María Salomé, entre outros. Neste sentido, segundo os seus autores destaca o valor do libro como guía para o turismo cultural pola nosa cidade.
 
En conxunto, preséntase un diálogo cruzado entre textos e imaxes que introducen ao lector/a no espectáculo trobadoresco, lembrando sempre a conxunción de letra e música que o caracteriza. Nunha primeira parte faise alusión aos trobadores que mencionan Santiago de Compostela nas cantigas e nunha segunda aqueles que se relacionan directamente coa área compostelá a través da documentación. Así, están presentes entre outros, os textos de Airas Fernández Carpancho, Airas Núnez, Bernal de Bonaval, Joan Airas de Santiago, Joan Vasquez de Talaveira, Pedro Amigo de Sevilha, Paio Gomez Charinho, Pero Garcia de Ambroa, Pai de Cana, Pero Meogo ou Rui Fernández de Santiago.
 
Intrigas amorosas (desexos de encontros sentimentais, mostras de sedución, recriminacións de namorados e namoradas, esperanzas e frustracións, lembranzas ou infidelidades) e sátiras relativas a diversos temas (traizóns, cobizas...) son os temas tocados por todos eses poetas medievais nas cantigas representadas no libro-roteiro de Yara Frateschi Vieira, Mª Isabel Morán Cabanas e José António Souto Cabo, que en pouco tempo será publicado tamén no Brasil, país no que destaca Compostela como un importante punto de orixe do turismo cultural e do que é natural unha das autoras desta obra. A profesora Yara Frateschi Vieira está particularmente vinculada á USC a través da súa investigación no ámbito da cultura galega.

O libro presentarase ao público o vindeiro martes 29 nun acto que se celebrará na libraría Couceiro en Compostela a partir das 20.00 horas.