Saltar ao contido principal
Xornal

O colectivo Nova Escola Galega acaba de ser recoñecido co Pedrón de Ouro 2012

Intégrano, entre outros, profesorado de Ciencias da Educación da USC

Actualizada: 28-05-2012 11:32
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
O colectivo Nova Escola Galega integrado por numeroso profesorado e investigadores da USC ademais de por docentes doutros niveis do ensino acaba de ser recoñecido co ‘Pedrón de Ouro 2012’ pola súa “vontade continuada no tempo a prol dunha educación ao servizo, en particular, da nenez e da mocidade” en todos os niveis do ensino.
 
A Fundación do Pedrón de Ouro recoñece no labor de Nova Escola Galega a promoción dunha educación “alicerzada nas ideas da xustiza, da liberdade e da solidariedade, para formaren cidadáns e cidadás conscientes do país que habitan, da súa lingua e da súa cultura. A renovación de prácticas e a innovación pedagóxica nestas tres últimas décadas foron outros aspecto resaltados na concesión do recoñecemento, no que tamén se valora a edición da Revista Galega de Educación.
 
Nun tempo no que se toman “devastadoras decisións que buscan o devalo da educación pública”, para os promotores de Nova Escola Galega a concesión do ‘Pedrón de Ouro’ outorga ao traballo educativo “unha oportunidade para o prestixio” e sinala “a vixencia de alternativas pedagóxicas a prol dos valores que defendemos e, en boa medida, darnos azos para continuar”. O colectivo aposta porque o seu ámbito de acción, “no ámbito da formación,  da accións reivindicativa e da proposta de alternativas procurou e procura ser un antídoto contra a desprofesionalziación, un espazo de encontro para o conxunto de ensinante dos diferentes niveis educativos”.
 
Nova Escola Galega naceu o 11 de xuño de 1983 en Compostela, como un movemento asociativo de base, coa finalidade de xeral de impulsar o traballo de renovación pedagóxica e de galeguización lingüística e curricular do sistema educativo de Galicia, por medio da agrupación e cooperación de todos aqueles ensinantes galegos de calquera nivel educativo e de todas as persoas socias e colaboradoras que pretenden contribuír coa súa acción e reflexión á construción dun sistema educativo galego, público e democrático.