Saltar ao contido principal
Xornal

Descobren na Cova Eirós de Triacastela as primeiras evidencias de arte rupestre paleolítico no noroeste peninsular

Os investigadores deste xacemento, no que participa a USC, atoparon nas salas interiores da cova motivos gravados e pintados que poderían remontarse a hai arredor de 30.000 anos

Actualizada: 20-08-2012 15:04 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Federico Martínez, Juan Casares, Olga Iglesias, Jesús Vázquez e Ramón Fábregas, durante a presentación das pinturas e gravados achados na Cova Eirós (Triacastela - Lugo)

Durante os traballos arqueolóxicos desenvolvidos na última campaña de escavación da Cova de Eirós (Triacastela, Lugo) polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste (GEPN) da USC, xunto cun equipo do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social de Tarragona (IPHES), foron descubertas evidencias artísticas nas paredes do interior da cavidade que se remontan á época paleolítica. A presenza de evidencias de arte rupestre prehistórica supón a declaración de Cova Eirós como Ben de Interese Cultural (BIC), o que confirma a súa singularidade e garante a súa protección.

Cova Eirós convértese deste xeito na primeira manifestación de arte rupestre paleolítico do noroeste peninsular, o que enche un importante baleiro neste ámbito, pois os paralelos máis próximos están nas representacións ao aire libre dos vales fluviais de Foz Côa e Alto Sabor, no norte de Portugal, e nas cavidades de La Viña, Peña de Candamo ou Pena Oscura, na cunca do río Nalón (Asturias).

O reitor da USC, Juan Casares, quen visitou o xacemento antes da presentación do achado, amosou a satisfacción da institución tras este descubrimento, "unha magnífica mostra dos resultados que ofrece a cooperación interuniversitaria en materia de investigación, co apoio recibido desde a Administración autonómica e mais a colaboración da empresa propietaria dos terreos". Ao remate do acto, Casares asinou no libro de honra do Concello de Triacastela, ao que pertence a parroquia de Cancelo na que se encontra o xacemento arqueolóxico.

Tamén asistiu á presentación do achado o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, quen salientou "o excelente nivel científico do equipo multidisciplinar que se ocupa das intervencións arqueolóxicas, e que de seguro permitirá contar en breve con máis información precisa e fiable". A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, agradeceu a presenza das autoridades nesta presentación deste achado que, segundo afirmou, "coloca definitivamente a Triacastela no mapa".

Ramón Fábregas, investigador principal do proxecto ‘Poboamento durante o Pleistoceno medio/Holoceno nas comarcas orientais de Galicia’ do Ministerio de Economía e director do GEPN, asegurou que desde o comezo dos traballos neste xacemento "había a sospeita de que se podían atopar evidencias deste tipo", algo que finalmente se confirmou recentemente coa aparición das pinturas e gravados dados a coñecer.

Finalmente os codirectores da escavación, Arturo de Lombera (do GEPN) e Xosé Pedro Rodríguez Álvarez (do Institut de Paleoecologia Humana i Evolució Social - IPHES, da Universitat Rovira i Virgili) presentaron un vídeo sobre as características técnicas do achado e do xacemento de Cova Eirós.

No acto de presentación tamén participou Federico Martínez, director da factoría que a empresa Cementos Cosmos (propietaria dos terreos nos que se asenta a cova) posúe no municipio de Sarria.

Caracterísiticas das pinturas e gravados

Dado o estado de conservación dos motivos, que non ofrecen formas facilmente recoñecibles a primeira vista, xa se realizaron unha serie de estudos baseándose en criterios técnicos, analíticos, morfolóxicos e estilísticos, que constataron a antigüidade das manifestacións rupestres de Cova Eirós, algunhas das cales poden remontarse ao Paleolítico Superior.

A maioría dos motivos aparecen concentrados na gran sala do interior da cavidade, especialmente na parede leste. Nos estudos preliminares foron identificados dous tipos de manifestacións: pinturas en negro e gravados. As pinturas en negro, usando carbón vexetal como pigmento, atópanse nun panel principal formando contornos de animais incompletos (curvas cérvico-dorsais, cabezas...), ringleiras de puntos e marcas na parte inferior das paredes. Nalgúns casos estas marcas son usadas para resaltar morfoloxías naturais das paredes que suxiren figuras zoomorfas, recurso moi común na arte paleolítica. Os motivos máis numerosos son os gravados, caracterizados pola presenza de sucos con seccións en “V” (froito do uso de ferramentas de pedra para a incisión) e delineacións rectilíneas e sinuosas que configuran un repertorio moi amplo, entre as que destacan as representacións figurativas e segmentos anatómicos de zoomorfos, signos e paneis intensamente gravados con feixes de liñas superpostas.

Os estudos técnicos e estilísticos suxiren a presenza de varios períodos representados dentro destas manifestacións rupestres de Eirós. A presenza de certos motivos pintados e gravados (bóvidos, signos, etc.) fan pensar no seu encadramento dentro de dous momentos do Paleolítico superior: o Graveto-Solutrense, e o Magdalenense, o que nos remonta a hai arredor 30.000 anos, no caso dos vestixios máis antigos.

Porén, non se debe desbotar a existencia doutras manifestacións correspondentes a outras etapas, menos históricas ou da Prehistoria recente, dado ao longo período de uso da cavidade. Será necesario un detallado estudo estilístico e a realización dun programa de datacións absolutas para establecer a antigüidade e diacronía das manifestacións rupestres da Cova Eirós.

Un xacemento con moita historia
Os traballos arqueolóxicos en Cova Eirós comezaron no ano 2008, e desde entón o xacemento proporcionou achados de grande importancia para ampliar o coñecemento sobre a época prehistórica en Galicia. Un colgante atopado neste xacemento e elaborado a partir dun canino dun pequeno carnívoro pon de manifesto a presenza humana no noroeste peninsular desde hai uns 26.000 anos, en pleno período álxido da última glaciación.

Entre outros achados encontrados nesta cova destaca a aparición de máis elementos de industria ósea nos niveis do Paleolítico superior, nomeadamente a presenza dunha azagaia decorada. Por outra banda, nos niveis do Paleolítico medio, cando a cova estaba ocupada por neandertais, foron recuperadas numerosas ferramentas líticas en seixo e cuarcita.

Cova Eirós consolídase como un xacemento de referencia no norte peninsular para estudar as similitudes e diferenzas entre dúas especies de homínidos (homo sapiens e neandertal) nun mesmo contorno e xacemento. Os traballos nesta escavación compleméntanse cos da Cova de Valdavara (Becerreá), onde os investigadores do GEPN da USC levan traballando desde 2007 nos seus tres xacementos.

  


Outras imaxes


O reitor atende os medios nas inmediacións do xacemento

Vista xeral do interior de Cova Eirós

Fotografía dunha das paredes nas que se atoparon elementos de arte rupestre paleolítico

A mesma imaxe, tratada para destacar os elementos artísticos atopados

Debuxo realizado a partir da imaxe