Saltar ao contido principal
Xornal

A USC dedica un curso de verán ao papel do Arquivo Histórico Provincial de Lugo como fonte documental sobre o mundo rural

A actividade desenvolverase os días 6 e 7 de setembro na sede do Arquivo na capital lucense

Actualizada: 03-09-2012 14:31
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
O curso da USC Unha aproximación ás fontes documentais do AHPL: a súa aplicación para o estudo do mundo rural analizará a importancia do Arquivo Histórico Provincial de Lugo para a comprensión do mundo rural galego e o seu percorrido a través do tempo, a través dos documentos nel depositados. A actividade desenvolverase os días 6 e 7 de setembro na sede do Arquivo na capital lucense, e está dirixida polo profesor da USC Gonzalo Francisco González Suárez, mentres que a responsable da secretaría é a tamén profesora da USC Ana Cabana Iglesia.

A sesión do día 6 ábrese cun relatorio sobre o proceso de creación do Arquivo Histórico Provincial de Lugo, a cargo da súa directora, María Dolores Pereira Oliveira, que se complementa coa intervención de María Asunción Díaz Bernárdez sobre os fondos que se gardan no edificio.

Gonzalo Fernández Suárez falará a continuación sobre a documentación agroforestal do Antigo Réxime (ss. XVI-XVIII) no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, mentres que Ana Cabana Iglesia intervirá para presentar a súa charla ‘De papeis e labregos. Fontes para o estudo do mundo rural galego contemporáneo’.

A xornada do día 7 comeza co relatorio ‘A documentación histórica: soporte da pervivencia do monte común en Galicia’, por parte do investigador Gregorio Casado González. O estudo de casos dos catastros do século XX como fonte para o estudo das construcións rurais tradicionais será o tema que desenvolverá na súa intervención o profesor da USC Juan Ortiz. O curso péchase coa conferencia que leva por título ‘Ratas de arquivo. Luces e sombras na relación entre arquivos, arquiveiros e historiadores’, impartida polo profesor da USC Xosé Ramón Veiga Alonso.