Saltar ao contido principal
Xornal

O bUSCatermos xa se pode consultar aberto en liña

Actualizada: 02-10-2012 10:51
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Xusto Rodríguez, Juan Casares, Xesús Vázquez, Valentín García e Manuel Núñez Singala. Foto: Xunta de Galicia
A base de datos en liña de terminoloxía técnica multilingüe da USC, bUSCartermos, xa está a disposición de todas as persoas interesadas grazas ao apoio da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Ata agora, de acceso interno dentro da USC, o bUSCatermos é unha base formada a partir da compilación, tratamento e reelaboración de dicionarios, glosarios e vocabularios técnicos que teñen o galego entre as súas linguas de traballo, así como das propostas terminolóxicas elaboradas polo Servizo de Normalización Lingüística da USC para darlle resposta a dúbidas concretas. En total, ofrece información sobre máis de 150.000 conceptos das áreas especializadas máis diversas fundamentalmente en castelán, inglés e portugués, pero tamén noutras como o catalán ou o italiano.

Esta nova etapa do bUSCatermos foi obxecto dunha presentación pública na Cidade da Cultura que contou coa participación do director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, e do responsable da área de Terminoloxía deste mesmo servizo, Xusto Rodríguez, para explicar os detalles da base. Na presentación participaron tamén o reitor Juan Casares, o conselleiro Xesús Vázquez e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
 
Para cada un dos conceptos colectados por esta base recóllense as denominacións máis habituais en galego e, case sempre, tamén as empregadas nas linguas do contorno máis inmediato, fundamentalmente en castelán, inglés e portugués. A suma de todas estas formas lingüísticas supera as 450.000 entradas, o que o converte nun dos recursos lexicográficos máis amplos existentes para a lingua galega. Ademais, en cada entrada recóllese a área temática á que pertence cada conceptos, a súa definición e as fontes en que se documenta toda a información recollida.
 
Un convenio asinado entre a USC e a Secretaría Xeral de Política Lingüística permitiu revisar e depurar a bases de datos, deseñar unha nova aplicación optimizada e migrar os datos cara a ela. Así, ampliouse a información que contén cada entrada e melloráronse as facilidades para as buscas, o que supón flexibilizar a aplicación, de xeito que poida converterse nun corpus aberto e en permanente actualización.

Como explicaron os responsables da súa xestión, o bUSCartermos constitúe unha ferramenta de utilidade para todas as persoas que pretenden empregar o galego como lingua de comunicación en temáticas especializadas, mantendo a calidade e a precisión esenciais para este tipo de intercambios comunicativos. Non obstante, a súa utilidade é especialmente significativa paras tres colectivos: os docentes das diversas disciplinas, profesionais da mediación lingüística e os profesionais da comunicación.