Saltar ao contido principal
Xornal  »  O Observatorio Astronómico da USC consigue describir a traxectoria do bólido avistado en Galicia en agosto

O Observatorio Astronómico da USC consigue describir a traxectoria do bólido avistado en Galicia en agosto

Grazas á colaboración cidadá

Actualizada: 09-10-2012 14:19
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe simulada do momento no que o bólido partiu en dous

 

O pasado 9 de agosto, ás 21.17 horas, tivo lugar o paso dun bólido diúrno que se viu perfectamente dende boa parte de Galicia. Dada a expectación creada e o estraño deste fenómeno coa luz do día, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC iniciou de oficio unha investigación na que tamén participaron os membros da Rede Española de Bólidos e Meteoritos José María Madiedo, da Universidade de Huelva, e Josep María Trigo, da Autónoma de Barcelona.
 
Segundo explicaron hoxe José Ángel Docobo Durántez e Pedro Pablo Campo Díaz, director e investigador do Observatorio Astronómico María Aller da USC, non é frecuente observar bólidos diúrnos, “e cando se producen significa que se trata dunha masa importante a que entra na atmosfera”. Efectivamente, segundo as pesquisas realizadas, trataríase dun bólido de considerables dimensións (unha masa de entre 100 e 200 quilogramos) que “probablemente procedía do cinto principal de asteroides, entre as órbitas de Marte e Xúpiter”.
 
Unha vez que o equipo de investigación se desprazou por toda Galicia para tratar persoalmente coas testemuñas do fenómeno, e realizados os cálculos coa Rede Española de Bólidos e Meteoritos, puido trazarse a súa traxectoria, que ten o seu inicio no Norte da provincia de León (case na fronteira con Asturias) e que rematou no Mar Cantábrico, próximo a Ribadeo.
 
A luz do meteoroide, que viaxou a unha velocidade de 17 quilómetros por segundo, iniciouse a unha altitude de 100 quilómetros e cando baixou aos 33 rompeu en dous, sen variar a súa traxectoria.

 


Outras imaxes


De esquerda a dereita, Pedro Pablo Campo e José Ángel Docobo