Saltar ao contido principal
Xornal

Luis Castedo, premio á excelencia na investigación en química de produtos naturais

O grupo GEPRONAT recoñece así a traxectoria científica do profesor da USC

Actualizada: 15-10-2012 11:51
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Luis Castedo é profesor emérito da USC
O Grupo Especializado de Química de Produtos Naturais acaba de concederlle por unanimidade o Premio GEPRONAT 2012 á Excelencia na Investigación ao profesor da USC Luis Castedo. Gepronat conta con máis de cen asociados que pertencen principalmente a Universidades españolas e outros centros de investigación públicos e privados.
 
Precisamente o profesor Castedo iniciou a súa carreira científica na prestixiosa Escola Compostelá de Produtos Naturais creada polo profesor Ignacio Ribas levando a cabo, en primeiro lugar, estudos de illamento e elucidación estrutural de alcaloides, sustancias nitroxenadas que sintetizan as plantas a partir de aminoácidos e que na súa maioría posúen unha acción fisiolóxica intensa nos animais, polo que son moi utilizados en medicina para tratar problemas da mente, calmar a dor e contra o cancro (exemplos serían a cocaína, a morfina, a quinina ou a nicotina).
 
Os estudos fitoquímicos do profesor Castedo leváronse a cabo principalmente en plantas da flora de Galicia coa fin de aproveitar e potenciar estes importantes recursos naturais. Como consecuencia das investigacións illouse un gran número de novos alcaloides bautizados gran parte con nomes galegos. Así xurdiron os novos alcaloides arosina, arosinina, luguina, celtina, celtisina, breoganina oxocompostelina, noiaína e viguina, así como catalina, ribasina e ribasidina.
 
Dado que moitos destes novos alcaloides se atopaban en moi pequena cantidade nas plantas, outra das liñas de investigación do grupo do profesor Castedo dirixiuse ao desenvolvemento de novos métodos de síntese para obter os novos produtos naturais en cantidade suficiente para poder determinar a súa actividade biolóxica.
 
Esta labor investigadora permitiu ademais a realización de máis de 70 teses doutorais no grupo de Luis Castedo, o que resultou na publicación de cerca de 500 traballos científicos en revistas do máximo prestixio internacional e de varios capítulos de libros en editoriais internacionais de gran fama.
 
Luis Castedo
Luis Castedo (Céltigos, Ortigueira-A Coruña, 1938) estudou na USC a licenciatura en Química e o Doutorado en Química Orgánica, este último baixo a dirección do profesor Ignacio Ribas, obtendo o Premio Extraordinario en ambos casos. Con bolsa do Ministerio e da Fundación Juan March iniciou unha etapa investigadora no prestixioso Departamento de Química da Universidade de Cambridge que dirixía o Premio Nobel de Química Lord Todd. Alí durante tres anos desenvolveu un proxecto de investigación enmarcado na síntese total de alcaloides indólicos baixo a supervisión do eminente investigador Harley-Mason. Finalizada a súa etapa posdoutoral, regresa á USC como profesor adxunto en 1970 e en 1972 obtén a praza de catedrático de Química Orgánica Biolóxica da Universidade de Bilbao. En 1975 volve á USC para cubrir a cátedra vacante de Química Orgánica da Facultade de Química, Universidade na que hoxe é profesor emérito.
 
Durante este tempo foi director do Departamento de Química da Universidade de Bilbao, do de Química Orgánica da USC, do Colexio Universitario de Ourense e decano da Facultade compostelá de Química. Ademais, foi director xeral de Universidades e Política Científica da Xunta de Galicia, cargo desde o que impulsou o desenvolvemento científico de Galicia e participou na creación das Universidades de A Coruña e Vigo. Castedo é así mesmo Premio Galicia de Investigación 2003 ‘Antonio Casares e Rodrigo’ e doutor honoris causa pola Universidade do País Vasco.
 
Outros premios GEPRONAT 2012

Ademais do premio á excelencia na investigación en química de produtos naturais ao profesor Castedo, GEPRONAT recoñeceu tamén este ano o profesor Emilio Molina Grima na categoría de transferencia de tecnoloxía ao sector industrial e á creación de ETB’s, e a Ana Raquel Díaz Marrero como investigadora novel do propio Grupo.