Saltar ao contido principal
Xornal  »  Unha investigación na que participa a EPS demostra que é posible coñecer a calidade da madeira sen necesidade de cortar as árbores

Unha investigación na que participa a EPS demostra que é posible coñecer a calidade da madeira sen necesidade de cortar as árbores

Esta información é esencial á hora de estimar o seu valor no mercado, onde os prezos poden chegar a triplicarse en función da industria á que vaia destinada

Actualizada: 18-10-2012 09:30 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Toma de medicións sobre un exemplar de pinus pinaster a través do sistema IML
Un traballo realizado desde a Unidade de Xestión Forestal Sostible da Escola Politécnica Superior de Lugo, o Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira (CIS-Madeira) e a empresa Madera Plus, permite coñecer a calidade da madeira das árbores antes de cortalas. Con esta información, os propietarios dos montes poden decidir o sector cara ao que dirixir a súa produción, o que ten unha gran repercusión nos ingresos obtidos pola venda da madeira: "Moitas veces os propietarios venden a madeira a un prezo moi inferior ao que poderían obter, por descoñecer a calidade do seu produto", explica Juan Gabriel Álvarez, catedrático de Enxeñería Forestal e un dos membros do equipo de investigación.

E a variación non é desprezable: a diferenza de prezo entre a madeira destinada a taboleiro e a madeira serrada de calidade para construción pode ser do dobre ou mesmo do triplo, porque na madeira con función resistente en construción os estándares son moi estritos e só o produto da mellor calidade pode acceder a este mercado.

O traballo iniciouse cun proxecto financiado polo Plan Galego de Investigación da Xunta de Galicia e vén desenvolvéndose desde o ano 2007 por parte dun equipo composto (ademais de Juan Gabriel Álvarez), pola investigadora Esther Merlo, actual directora da empresa Madera Plus e responsable desta investigación no CIS-Madeira ata finais de 2011; o profesor Guillermo Riesco e o alumno de doutoramento Óscar Santaclara, quen realiza a súa tese de doutoramento sobre este tema. Aínda que o traballo se realizou sobre Pinus pinaster (a conífera con maior presenza nos bosques galegos, e da que Galicia é a primeira produtora nacional), a adaptación dos resultados a outras especies non ofrece grandes dificultades.

Método de traballo
Os labores consistiron na medición das árbores seleccionadas mediante equipos sónicos, que indican a rixidez e a densidade da madeira "en pé", é dicir, sen necesidade de cortar a árbore: "Ademais da consistencia, o emprego destes sistemas de ondas permite coñecer tamén a presenza ou ausencia de singularidades ou defectos que reducirían as posibilidades comerciais da madeira", indica Esther Merlo. Para as medicións empregáronse varios aparatos diferentes de entre os dispoñibles no mercado, na busca dos que mellor se adaptasen ás necesidades do estudo.

Na segunda parte do traballo procedeuse á corta de varias árbores para comparar os datos das medicións por onda coas probas de comportamento da madeira nunha máquina de ensaios de resistencia á rotura, para deste xeito obter a relación entre uns resultados e outros.

A partir desta dobre análise estableceuse unha ecuación que permite estimar o módulo de elasticidade da madeira (índice MOE) coa árbore aínda en pé. Este índice é o que emprega a industria para valorar se unha madeira é apta ou non para o seu uso na construción.

Para a investigación analizáronse as árbores de diferentes parcelas, en once das cales se procedeu á corta de exemplares para a súa análise na máquina de ensaios. Segundo Juan Gabriel Álvarez, "os datos son moi representativos, xa que as parcelas están distribuídas por toda Galicia, e abranguen tanto a zona costeira como a interior, nas que o crecemento da especie estudada varía sensiblemente. De todos os xeitos, o traballo continuará co estudo de máis exemplares e parcelas para establecer modelos máis precisos".

Mellora da calidade
Ademais da estimación da calidade da madeira, a investigación persegue un segundo obxectivo: establecer as medidas e tratamentos que é preciso aplicar no bosque para conseguir unha mellora nesa calidade. Para Esther Merlo, "o seguinte obxectivo é coñecer como afecta a silvicultura á calidade final, para optimizar os criterios silvícolas que permitan unha xestión orientada a un produto concreto".

Entre as variables que se demostraron vitais para unha mellora na calidade da madeira están a calidade do terreo, a densidade de plantación, o coeficiente de esvelteza da árbore (é dicir, a relación entre a altura e o diámetro) ou os labores de clara e poda: "Tamén hai unha compoñente xenética que desenvolve un papel esencial na calidade da madeira obtida, pero neste estudo non está incluída, xa que pola súa dimensión e especificidade merecería unha investigación á parte", indica Juan Gabriel Álvarez.

Outro factor importante, asegura Esther Merlo, é fomentar a innovación no proceso de aproveitamento dende o monte ata a industria de transformación e conseguir achegar unha materia prima de calidade competitiva, evitando rexeitamentos e operacións innecesarias nos procesos industriais: "É posible determinar a calidade axeitada para un uso concreto, tanto na árbore en pé como na torada e, con isto, optimizar a rendibilidade do sector" indica a investigadora. Isto afecta a toda a cadea de valor (propietarios forestais e xestores, rematantes e industrias de primeira transformación), xa que é necesario aplicar o concepto de “calidade axeitada” a cada parte do proceso. Nunha actividade pioneira neste sector, a empresa Madera Plus ofrece entre os seus servizos a selección das árbores de porvir, a valorización do bosque e a discriminación selectiva de toradas.

Todos os resultados obtidos neste estudo, así coma noutros realizados pola Unidade de Xestión Forestal Sostible, serán presentados a técnicos da Administración, responsables de asociacións e propietarios forestais nunha xornada que se celebrará o próximo 29 de outubro na Escola Politécnica Superior de Lugo.
 

Outras imaxes


Corta de árbores nunha das parcelas da investigación para a súa análise nas máquinas de ensaio do laboratorio

Discriminación dos exemplares tallados

Medicións sobre exemplares en pé