Saltar ao contido principal
Xornal

A colección Clásicos do Pensamento Universal incorpora a Herbert Marcuse, Tomás Moro e Karl Popper

A USC e a Fundación BBVA incorporan ao corpo da colección tres novos títulos: Utopia, O home unidimensional e A lóxica da descuberta científica

Actualizada: 17-12-2012 14:25
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor Juan Casares (segundo pola esquerda) presidiu a sesión, acompañado de Silvia Churruca e Darío Villanueva. Foto: Alfonso-Servimav
Utopia de Tomás Moro; O home unidimensional de Herbert Marcuse; e A lóxica da descuberta científica de Karl Popper, son os tres novos títulos que se incorporan á Colección Clásicos do Pensamento Universal que edita a USC e a Fundación BBVA. Esta proposta editorial, que traduce ao galego obras fundamentais do pensamento universal, cumpre este ano o seu primeiro décimo aniversario. O reitor Juan Casares presidiu a presentación pública no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, nun acto no que interviñeron ademais a directora de Comunicación da Fundación BBVA, Silvia Churruca; o director da colección, o catedrático Darío Villanueva; e os prologuistas e tradutores dos volumes. Tamén asistiu o director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Juan Blanco.
 
A Colección alcanza deste xeito un total de dezanove volumes, todos eles traducións das que se encargaron expertos e investigadores universitarios. No caso de Utopía prologa o volume o profesor Andrés Torres Queiruga sendo a tradución responsabilidade da profesora Helena de Carlos. No volume 18, O home unidimensional, asina o prólogo Jorge Álvarez Yágüez, mentres que Jesús Saavedra se encargou da tradución. Completando o trío, Juan Vázquez Sánchez asumiu o prólogo de A lóxica da descuberta científica, mentres que a tradución recaeu en Manuel Puga.  
 
Utopia
Fronte aos intentos posteriores, inmediatos e máis coñecidos, o equilibrio e ponderación de Tomás Moro lograron que, dalgún xeito, a súa Utopía se convertese na divisoria de augas que diferenza as utopías en antigas e modernas. Como se sinala no volume agora presentado, a partir de Moro o tema da utopía fíxose explícito e quedou entregado ao proceso vivo da historia.
 
A Utopía de Moro viu a luz por vez primeira en Lovaina en 1516, seguida doutras edicións en París (1517) e Basilea (1518). A tradución recollida nesta colección da USC e a Fundación BBVA parte desta última edición, como explica a tradutora, co amparo da edición bilingüe que publica a Cambridge University Press en 1995.
 
O home unidemensional
O home unidemensional, sinalan os responsables da versión galega presentada, urxía a necesidade dun cambio radical que nin moito menos podería reducirse a instancias económicas. De feito, o nome de Marcuse “leva a evocar decontado as revoltas estudantís dos anos sesenta, en Berlín, Berkeley, París, as loitas contra a guerra do Vietnam, os movementos polos dereitos civís, as proclamas pacifistas ou a denominado New Left”, sinala Jorge Álvarez.
 
O tradutor Jesús Saavedra pola súa banda apunta respecto do seu labor que o inglés orixinariamente usado por Herbert Marcuse “é xeralmente claro e probablemente presente menos obstáculos á interpretación lingüística e mesmo cultural”. O texto usado como base foi o da segunda edición, One-Dimensional man. Studies in the Ideology od Advanced Industrial Society, editado por Beacon Press en 1991, xunto ao que o tradutor tamén tivo como referencia outras tres versións en linguas romances (francés, castelán e portugués).
 
A lóxica da descuberta científica
Como se explica no volume, en palabras do seu propio autor, A lóxica da descuberta científica “pretendía proporcionar unha teoría do coñecemento e, ao mesmo tempo, ser un tratado sobre o método –o da ciencia–“. Os responsables da edición concretan que non se trata dun manual de metodoloxía da ciencia e teoría do coñecemento, senón dun tratado, presentación e defensa da epistemoloxía e filosofía da ciencia derivadas da posición específica do autor.
 
Clásicos do Pensamento Universal
Esta colección reúne unha serie de volumes traducidos ao galego dende as linguas orixinais e prologados por figuras destacadas do ámbito científico e académico, a ser posible da propia universidade compostelá. Nos procesos de creación, tradutor e prologuista, traballan en estreita colaboración para asegurar a maior coherencia do produto final e así facultar ao lector moderno a penetrar no texto coa guía metodolóxica e a imprescindible contextualización da obra traducida e o seu autor, que ofrece o prólogo introdutorio do especialista.

Como apuntou o reitor, Clásicos do Pensamento Universal se erixe como unha achega histórica, unha colección orientada a someter ao idioma galego á necesaria tensión de establecer un estándar para a expresión científica e do pensamento de toda época” e de calquera idioma. A Colección foi merecedora do premio á mellor colección de 2010 dos Premios Nacionais de Edición Universitaria, un recoñecemento “á coidada edición e á proxección social e valor cultural que supón verter as obras do pensamento universal á lingua galega”, subliñou o xurado.

Outras imaxes


O acto contou coa intervención dos prologuistas e tradutores das tres obras presentadas. Foto: Alfonso-Servimav