Saltar ao contido principal
Xornal

Preséntase o espazo web ‘Proxéctate en galego’ para a promoción do uso do galego no ámbito académico e científico

A iniciativa parte das comisións de normalización lingüística dos centros do Campus de Lugo e recompila actividades, ferramentas e materiais relacionados coa lingua galega

Actualizada: 17-12-2012 14:36
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Presentación en Lugo do espazo web 'Proxéctate en galego', con (de esquerda a dereita) Mar Pérez Fra, Pedro García Herradón, Ramón Villares e Marta López
A Casa do Saber da Vicerreitoría do Campus de Lugo acolleu a presentación da iniciativa Proxéctate en galego, nun acto que contou coa presenza do catedrático da USC e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; e as profesoras da USC e membros das comisións de normalización lingüística Marta López (Facultade de Veterinaria) e Mar Pérez Fra (Escola Politécnica Superior).

Proxéctate en galego é unha iniciativa que xorde das Comisións de Normalización Lingüística do Campus de Lugo (ADE, Ciencias, EPS, Formación do Profesorado, Humanidades e Veterinaria) e que, segundo os seus promotores, “pretende mostrar o galego como unha oportunidade, unha lingua viva e dinámica”. O punto principal do proxecto é espazo web no que se pode atopar unha recompilación de ferramentas (dicionarios, tradutores, buscadores, aplicacións...) de uso habitual para as persoas que empregan o galego como lingua para a súa actividade laboral, académica, cultural ou científica.

Ademais, neste portal reúnese tamén unha numerosa listaxe de enlaces a outras iniciativas para a potenciación do galego en calquera ámbito, desde o escolar ao cultural, pasando pola música ou os medios de comunicación, ademais das actividades desenvolvidas neste ámbito pola propia USC. Outra sección recolle en forma de vídeo as experiencias daqueles que xa converteron o galego no seu referente; entre eles, os profesores Ángel Carracedo e Jorge Mira, ademais dos promotores da iniciativa e outros colectivo e persoas vinculados ao mundo académico ou cultural.

“O obxectivo é motivar no uso do galego e cremos que esta motivación se debe acadar desde unha óptica multidisciplinar e a través de iniciativas transversais. O galego debe ser unha ferramenta adicional que lle dea ao alumnado a posibilidade de acadar obxectivos superiores nas súas carreiras profesionais, ben porque lles permita innovar e así ter maior oportunidade de negocio, transmitir á sociedade os seus logros científicos, ou mellorar a comunicación con persoas doutras culturas”, explican os coordinadores da iniciativa.

Para os seus promotores, unha sección vital para garantir o éxito e a continuidade deste espazo web é a denominada Comparte con nós, “a través da que calquera usuario pode facernos chegar recursos ou materiais que considere de interese para incorporar ao portal”.

Acto de presentación
No acto de presentación de ‘Proxéctate en galego’, Pedro García Herradón destacou “o carácter permanente, pero dinámico en canto a contidos e colectivo en canto ao seu desenvolvemento” da iniciativa, e felicitouse de que a súa posta en marcha nacese no Campus de Lugo.

Pola súa parte, Ramón Villares puxo de relevo o feito de que se trate dun proxecto “que nace de abaixo e vai cara arriba, ao contrario do que adoita acontecer nestes casos”, e comparou a situación actual no uso do galego coa da súa época de reitor da USC, “cando puxemos en marcha a campaña ‘En galego estamos no mundo’, un xermolo do que despois viría ”: “Estamos nunha situación na que aínda falta moito por facer en canto á consolidación do galego como lingua de divulgación científica, pero se queremos ser optimistas podemos velo desde o punto de vista do camiño xa andado, e aínda que estamos moi lonxe do desexable, é moitísimo o que se avanzou nos últimos anos”, afirmou Villares.

O presidente do Consello da Cultura Galega incidiu na importancia do galego “como porta de entrada á comunidade lusófona, integrada na actualidade por máis de 250 millóns de persoas en todo o mundo, o que abre unha perspectiva que vai máis alá dunha visión teórica ou académica do galego, que é a do seu valor e as súas potencialidades económicas e comerciais”. Finalmente, Villares insistiu na necesidade de “empregar a sedución, e non a coerción” para animar as novas xeracións a facer un uso non restritivo do galego.

Orixes do proxecto
En 2010 puxéronse a andar na Facultade de Veterinaria de Lugo as xornadas Achegándonos ao medio rural onde, se buscou consolidar a conexión entre a universidade e o medio rural a través do galego. Froito do éxito acadado, en organizáronse de novo estas xornadas, Achegándonos ao medio rural II , neste caso arredor da temática ‘Lingua, muller e dinámica social’, xa coa participación dos outros centros do Campus de Lugo e coa colaboración tamén do Servizo de Normalización Lingüística da USC, especialmente de Xusto Rodríguez Río, o seu técnico do Campus de Lugo.

Deste xeito xerouse un escenario favorable para a reflexión sobre o galego no mundo universitario e a súa extensión cara á sociedade: “Percibimos entón que este espazo, estas horas de debate, servían de alimento vital para manter o espírito galego na universidade. Non queremos que este sustento estea localizado un espazo temporal tan breve, e por iso pensamos que debe mudar de formato tamén cara a un espazo virtual, no que a rede creada nas xornadas se manteña, se nutra, se expanda e sexa accesible desde calquera lugar e en calquera momento”, explican os promotores da iniciativa.

Búscase deste xeito crear un espazo de traballo, coñecemento e debate en rede do galego na universidade, especialmente dirixido ao alumnado, pero extensible a toda a comunidade universitaria e á sociedade en xeral, cun múltiple obxectivo: exemplificar que o galego é unha lingua vehicular en calquera ámbito, facer máis visibles para a comunidade universitaria todas as ferramentas TIC dispoñibles para o galego e recompilar o material de que se dispón en galego para o desenvolvemento profesional.