Saltar ao contido principal
Xornal

O proxecto europeo AQUAENVEC no que participa a USC estuda en Santiago como optimizar o ciclo da auga urbana dos concellos

A investigación conta cun financiamento de millón e medio de euros

Actualizada: 28-01-2013 13:20
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Os integrantes do proxecto reuníronse na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Foto: Alfonso-Servimav
Os grupos integrantes do proxecto europeo LIFE ‘Assessment and improvement of the urban water cycle eco-efficiency using LCA and LCC’ (AQUAENVEC) centrado no estudo tecnolóxico, económico e ambiental do ciclo da auga urbana reuníronse este venres na Escola Técnica Superior de Enxeñaría. En concreto, investigan as fases de captación, potabilización, redes de sumidoiro, tratamento e vertedura.
 
O obxectivo final do proxecto, cun financiamento de millón e medio de euros, é dotar aos concellos dunha ferramenta multicriterio que lles permita optimizar o ciclo da auga na procura da sustentabilidade. Os casos modelo de estudo inclúen tanto municipios da zona atlántica (Betanzos, por exemplo) como da mediterránea (Callafel).
 
O proxecto coordínao a Fundación CETaqua do Grupo AGBAR (Barcelona) coa participación de 30 investigadores e técnicos das Universidades de Santiago de Compostela, Autónoma de Barcelona e Valencia e de Aquagest. Na USC a coordinación recae no profesor Gumersindo Feijoo, do Grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos do Departamento de Enxeñaría Química.
 
Eco eficiencia do ciclo urbano
Dado que o 80% da cidadanía europea vive nas zonas urbanas, as cidades son a clave para a sustentabilidade do medio ambiente. Nese contexto, e coa lexislación vixente, a Estratexia Europa 2020 é un elemento crucial que tratará de reducir nun 20% as emisións de gases de efecto invernadoiro e o consumo de enerxía. Enmarcado nisto, o ciclo urbano da auga tamén debe limitar o seu impacto ambiental –asociado ao consumo de enerxía, uso de produtos químicos e xeración de residuos– á vez que debe proporcionar un subministro fiable de auga potable.

Como resposta a este desafío, o proxecto AQUAENVEC propón –co horizonte no ano 2014– combinar a avaliación ambiental e a análise do impacto económico nun amplo estudo da eco eficiencia do ciclo urbano da auga.
 
O Biogrup
O grupo Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC (Biogrup) desenvolve na actualidade actividades de investigación en cinco programas diferentes, tres deles financiados pola Unión Europea. As súas liñas de estudo céntranse na aplicación de fungos e as súas enzimas para a degradación de compostos, no desenvolvemento e control das tecnoloxías para o tratamento de augas residuais, na xestión ambiental como a Avaliación do Ciclo de Vida e a pegada de carbono ou o tratamento biolóxico dos compostos orgánicos volátiles nas emisións de gases.