Saltar ao contido principal
Xornal

O Festival Internacional de Teatro Universitario chega á súa dezanove edición

Actualizada: 05-03-2013 10:35
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
 
A XIX edición do Festival Internacional de Teatro Universitario volverá converter as cidades de Santiago e Lugo en escaparates do mellor das artes escénicas que ten lugar nas Universidades de todo o mundo. Nesta ocasión participan, ademais da Aula de Teatro da Universidade de Santiago, grupos de Ourense, A Coruña, Murcia, Minho (Portugal) e Szczecin (Polonia).
 
Santiago de Compostela
Todas as funcións en Santiago terán lugar ás 21.00 horas no Salón Teatro con, como é habitual, entrada gratuíta previa recollida no despacho de billetes a partir das 19.00 horas. Será a Compañía da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela a que inaugure o festival este luns 4 coa obra ‘Agamenón. Volvín do supermercado e deille unha malleira ao meu fillo’, de Rodrigo García. Nos 54 minutos que dura a obra o espectador asistirá a unha lectura ácida, tremendamente crítica, sobre o individuo sometido ao seu pesar por un sistema que o oprime e sobre o que non ten capacidade de reacción. A función, non recomendada para menores de 12 anos, repetirase o martes 5.
 
Xa o mércores 6 será a quenda da Compañía de Teatro Nie Ma, da Universidade polaca de Szczecin, coa obra ‘Magic Night’ que narra o encontro de dous homes solitarios, enxeñeiro e economista de viaxe que comparten sempre a mesma habitación.
 
O grupo de teatro da Universidade portuguesa do Minho porá en escena o xoves 7 un traballo que ten como punto de partida o texto ‘Figurantes’, de Jacinto Lucas Pires. Catorce actores e actrices que buscan incesantemente os termos axeitados para comunicar co obxectivo de fabricar unha escena dramática envolvendo unha parella de figurantes que eles mesmos idealizan.
 
O día 8 actuará NNC Teatro, compañía de teatro afeccionado que comezou a súa andaina en 2004 ao abeiro da USC. Nesta ocasión interpretarán ‘Pim, pam, clown’, un texto para público familiar que desenvolve as principais características do clown: a inxenuidade, a curiosidade, o asombro... A partir diso artéllase un argumento en torno á guerra que, sempre desde con humor e con certo surrealismo, fai fincapé no absurdo que existe detrás de calquera conflito armado.
 
O festival en Santiago remata o día 9 coa Aula de Teatro da Universidade de Murcia e a obra ‘ Luz en tinieblas’, de Lauila Ripoll, que presenta a vida dun aragonés xordo, vello e xenial, un heroe estraño e malhumorado que se entretén sacando a pasear os seus demos e pintando pesadelos nas paredes da súa casa.
 
Lugo
O festival traerá a Lugo ata o 12 de marzo cinco compañías e catro proxectos de estudantes de arte dramática, que presentarán as súas montaxes teatrais no Gustavo Freire. Esta nova edición permitirá lembrar a figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas, ao tempo que contempla unha sesión de dramaturxia galega o día 6 ás 20.00 horas na Casa do Saber no que o Grupo de Intervención USC-Lugo fará unha lectura dramatizada de ‘Crise’, de Lois Diéguez, ao tempo que se presentará o libro Banqueiros, coordinado por Francisco Pillado.
 
A compañía de teatro da USC-Lugo abriu o festival o domingo, a partir das 20.30 horas, no auditorio municipal Gustavo Freire, coa preestrea de ‘Animaliños’, unha adaptación libre da obra de Roberto Vidal Bolaño feita por Paloma Lugilde, que tamén leva a dirección desta montaxe, da que se ofrecerán dous novos pases o día 12 de marzo, ás 18.30 e 21.00 horas, respectivamente, no mesmo auditorio.
 
As representación volverán o 7 de marzo ao auditorio Gustavo Freire, neste ocasión da man dos actores da compañía Nie Ma, da Universidade de Szczecin, de Polonia. Esta compañía presentará o xoves en Lugo, a partir das 20.30 horas, a obra ‘Magic Night’. A aula de teatro de Ourense ‘ Maricastaña’ dará o relevo á compañía polaca o 8 de marzo, coa representación, no mesmo lugar e hora, de ‘Suicidio colectivo con encanto’.
 
O Festival dará o sábado 9 protagonismo aos proxectos de actores galegos en formación, que, a partir das 20.30 horas, presentarán as súas respectivas propostas. Así, Alba Fernández, de Vuelta Teatro, representará ‘Humana’, mentres que Sara Fandiño porá en escea ‘Loita de Armas’. ‘O retrato’, a cargo de Juan Fórneas, e ‘O noso corpo para nós’, unha montaxe de Eva Gacio e Pablo Bello, completan a oferta teatral da xornada.
 
‘Agamenón. Volvín do supermercado e deille unha malleira ao meu fillo’, de Rodrigo García, é a peza que presentará o 10 de marzo a Aula de Teatro da USC dirixida por Roberto Salgueiro. Asemade a compañía da UDC, dirixida por Rubén Ruibal, presentará o día 11 no mesmo escenario a poética teatral de Roberto Vidal Bolaño, un documento audiovisual de ‘Anxeliños’ e un ensaio aberto de escenas de ‘A Burla do Galo’.

Outras imaxes


De esquerda a dereita, Mario Outeiro, Carmen Basadre, Pedro García Herradón e Paloma Lugilde, na presentación do XIX Festival Internacional de Teatro Universitario