Saltar ao contido principal
Xornal

Preséntase no CiTIUS un glosario trilingüe de termos sobre arquitectura de computadores

Actualizada: 13-03-2013 10:06
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
A Universidade de Santiago vén de editar un novo glosario trilingüe de termos, nesta ocasión sobre arquitectura de computadores. Os seus autores, o profesor do Departamento de Electrónica e Computación Elisardo Antelo Suárez e o técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC (SNL) Xusto Rodríguez Río, presentarán a publicación este xoves 14 ás 12.00 horas no CiTIUS.
 
No acto para dar a coñecer o glosario promovido polo SNL e a Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) participarán tamén o director do CiTIUS, Paulo Félix; o director do Departamento de Electrónica e Computación, Francisco Fernández; o director do SNL, Manuel Núñez; e o subdirector da ETSE, Francisco Omil.
 
Con esta nova publicación, que reúne case 700 termos, preténdese ofrecer un material de referencia que facilite o emprego do galego nas actividades de ensino/aprendizaxe pero tamén nas divulgativas e aínda nas investigadoras. Ao tempo pode ser útil para facilitar a comprensión da bibliografía técnica –escrita fundamentalmente en inglés– que o estudantado debe manexar durante os seus estudos.
 
Dado o altísimo grao de innovación do sector das tecnoloxías este glosario ha requirir actualizacións e ampliacións periódicas, de aí que só se edite en soporte electrónico e en dous formatos: o convencional .pdf e no estándar TBX (TermBase eXchange) para facilitar este último o intercambio e a reutilización desta información noutros produtos terminolóxicos.