Saltar ao contido principal
Xornal  »  O profesor Xoán Doldán, elixido novo Presidente da Asociación de Economía Ecolóxica en España

O profesor Xoán Doldán, elixido novo Presidente da Asociación de Economía Ecolóxica en España

Actualizada: 14-03-2013 14:34
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O profesor da USC Xoán Doldán
O profesor da USC Xoán R. Doldán García é o novo presidente da Asociación de Economía Ecolóxica en España (EcoEcoEs), dedicada á análise multidisciplinar e transdiciplinar dos problemas económicos, ambientais e sociais.
 
Formalizada en 2010 tendo como precedente a Rede de Economía Ecolóxica creada en 2006 da man dun grupo de docentes e investigadores, entre os fins da asociación están a promoción, proxección e divulgación da Economía Ecolóxica e da Ecoloxía Política no ámbito estatal. Para iso traballa no fomento e coordinación da investigación e a docencia nesta áreas, así como a relación coa sociedade civil. Ademais, pretende fortalecer as relacións da asociación con institucións europeas e internacionais que persigan os mesmos fins, en particular coa Rede Iberoamericana de Economía Ecolóxica e a European Society of Ecological Economics.
 
Na actualidade a asociación conta con membros de diversas universidades, entre elas as tres galegas, as Autónomas de Madrid e Barcelona, de Castela-A Mancha, Barcelona, Islas Baleares, La Laguna, Pablo de Olavide, Pública de Navarra Sevilla, UNED, Valencia, Valladolid, Versailles Saint-Quentin-en-Yvelines ou Zaragoza.
 
Xoán Doldán
Xoán R. Doldán García é doutor en Ciencias Económicas pola USC e posgraduado en Economía dos Recursos Naturais e do Medio Ambiente pola Universidade de Alcalá de Henares. Actualmente é profesor titular de Economía aplicada da USC e membro do grupo de investigación Bioeconomía: Economía Ecolóxica e Recursos Naturais. A súa investigación céntrase no campo da economía ecolóxica e dos recursos naturais en Galicia, no ámbito do metabolismo industrial, dos sistemas enerxéticos e na contabilización do patrimonio natural.