Saltar ao contido principal
Xornal  »  A USC participa nunha rede europea para a prevención das enfermidades con maior mortalidade

A USC participa nunha rede europea para a prevención das enfermidades con maior mortalidade

Actualizada: 20-03-2013 13:51
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Elisardo Becoña nun momento da súa intervención en Oxford, na primeira xuntanza da rede
A Universidade de Santiago participa na rede SPAN (Science for Prevention Academic Network), proxecto que reúne a 32 universidades e institucións de toda Europa para previr as enfermidades que ocasionan maior mortalidade e máis preocupan á sociedade, tales como o cancro ou as enfermidades cardiovasculares. Son doenzas, en moitos casos, asociadas a estilos de vida inadecuados como o consumo de tabaco, alcol, drogas, falta de exercicio físico ou malos hábitos alimenticios, entre outros.
 
Ademais, esta colaboración internacional prestará atención á prevención dos trastornos mentais e do comportamento, como a depresión, a ansiedade ou os problemas de conduta. A pesar da súa relevancia, sinala o profesor da USC e integrante da rede Elisardo Becoña, so unha pequena parte dos orzamentos nacionais de saúde se destina a previr estes importantes problemas de saúde. 
 
A Comisión Europea financia esta iniciativa que permitirá a un importante grupo internacional de científicos dedicados á ciencia da prevención construír un novo campo que facilite a prevención das enfermidades físicas e trastornos mentais e do comportamento con maior incidencia dende o punto de vista da mortalidade ou a morbilidade. Esta iniciativa atópase tamén ligada aos traballos da EUSPR (European Society for Prevention Research).

A primeira xuntanza do proxecto SPAN acaba de celebrarse en Oxford, coa asistencia de todos os membros do proxecto. De España participan ademais da USC a Universidade de Oviedo e, como avaliador externo, a sociedade científica europea IREFREA, con sede en España. Na institución compostelá o proxecto está liderado polo catedrático de Psicoloxía Clínica, Elisardo Becoña, e pola profesora da mesma área Ana López.