Saltar ao contido principal
Xornal  »  O porco celta sucumbe ao encanto de Pavlov

O porco celta sucumbe ao encanto de Pavlov

A EPS e Asoporcel avalían os beneficios ambientais dun novo sistema de manexo que garante o control dos animais en liberdade no monte

Actualizada: 26-03-2013 13:32 . INVESTIGACIÓN
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Unha manada de porcos celtas nun bosque, en réxime de liberdade

Investigadores do grupo de Sistemas silvopastorais da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo colaboran coa Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel) na implantación e avaliación dun novo sistema de manexo de porco celta nun monte veciñal da parroquia de Nebra, no concello coruñés de Porto do Son, onde se comezou a desenvolver este proxecto pioneiro hai apenas uns tres meses.

 
A Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta é a entidade promotora e tamén a beneficiaria desta actuación, que servirá para testar e, no seu caso, optimizar as prestacións que ofrece unha instalación automatizada e que ocupa unha superficie de 800 metros cadrados e actúa a xeito de curral móbil, ao tempo que permitirá estudar o comportamento e avaliar o rendemento da produción dos animais criados a cabalo dun sistema intermedio entre o réxime extensivo e intensivo, ademais de posibilitar a avaliación dos efectos provocados na flora, na fauna e na paisaxe local pola presenza dunha manada integrada por medio cento de porcos celtas.
 
O curral móbil, alimentado coa enerxía obtida nas súas placas solares e xa patentado no seu día por Asoporcel, fai posible a retención selectiva dos animais durante períodos determinados a través dun sistema de aprendizaxe baseado no reflexo de Pavlov. Este dispositivo, que consiste nunha instalación modular pechada provista dunha zona cuberta e de bebedoiros, ademais de torbas que verten alimento pouco tempo despois de que soa unha campá, cuxo repicar actúa como reclamo para os animais, permite que os porcos poidan estar e actuar libremente fóra das instalacións, á que volverán tan pronto como se active a alarma, segundo explicou o responsable de Asoporcel e promotor deste proxecto, José Antonio Carril.
 
A cría, manutención e o coidado dos animais, un lote de 50 porcos de raza celta, entre os que se atopan animais das tres variedades identificadas: Barcina, Santiaguesa e Carballina, é cometido de Asoporcel, cuxos traballadores trasladaron ás instalacións habilitadas en Nebra este lote de reses, que apenas contaban con tres meses de idade. Logo dunha semana encerrados no curral automatizado e tras adquirir os hábitos de aprendizaxe desexados, os porcos comezaron a saír do recinto e vivir en liberdade, aínda que volven ao curral as dúas veces que se activa a campá, para comer e para durmir, explicou Carril, quen atribuíu o escaso período de aprendizaxe que precisaron os porcos para adquirir este hábito á súa “intelixencia e boa memoria”.
 
Efectos ambientais
A colaboración neste proxecto dos investigadores do grupo de Sistemas silvopastorais da Escola Politécnica Superior de Lugo céntrase no estudo e na avaliación dos efectos causados polos exemplares porcinos na rexeneración do arborado e os posibles danos en árbores adultas, ademais de estimar os efectos do pastoreo sobre a vexetación do sotobosque, definir posibles elementos de protección das árbores máis novas, analizar o deterioro do solo ou o alcance do traballo de limpeza do monte feito polas reses que se atopan en réxime de liberdade. Cómpre lembrar que o porco é un dos poucos animais, por non dicir o único, que come os fentos, o que o fai un axente activo na axuda á prevención da propagación de lumes e incendios forestais.
 
O profesor e investigador do grupo de Sistemas silvopastorais da Ecola Politécnica Superior de Lugo, o catedrático Antonio Rigueiro, explicou asemade que esta iniciativa presenta tamén un notable interese polo feito de poder comprobar a adaptación do porco celta nunha contorna ambiental diferente e na que non terá a castaña na súa alimentación, a pesar de que tanto a castaña como a landra son produtos habituais na dieta destes animais. Doutra banda, a carga de gando e a súa incidencia no terreo, tamén será obxecto de estudo por parte deste grupo de investigación da EPS
 
O estudo do comportamento dos exemplares porcinos de raza celta que forman parte deste proxecto de investigación, así como o seu proceso de engorde e o futuro rendemento das súas canais centran parte da investigación que desenvolve o profesor Antonio Iglesias Becerra, do Departamento de Produción Animal da Universidade de Santiago de Compostela, quen fai un seguimento detallado da evolución do peso dos animais. Asemade, alén do estudo etolóxico dos porcos, os datos da súa mobilidade veñen facilitados polos dispositivo de XPS que levan incorporados os exemplares, o que ademais de dar conta dos seus movementos, tamén constitúe un elemento de vixilancia que mellora a súa seguridade.
 
O Centro Tecnolóxico da Carne, que é outra das entidades colaboradoras neste proxecto de investigación que conta co financiamento de fondos Feder, ocuparase da posterior análise das propiedades da carne e das canais destes exemplares de porco celta criados en réxime extensivo na parroquia de Nebra. Os resultados destas investigacións permitirá tamén comparar as calidades da carne destes exemplares coas doutros criados en réxime intensivo e con alimentación tradicional, indicou José Antonio Carril.
 
Os obxectivos desta nova experiencia de manexo e de localización de gando porcino celta abranguen eidos moi diferenciados, segundo subliñou o responsable de Asoporcel e promotor do proxecto, José Antonio Carril, quen defende que esta experiencia pioneira pode permitir unha sensible redución dos custes asociados ao manexo de gando, xa que se aforran os gastos de cercado da superficie e tamén o número de operarios e o tempo do traballo. Os beneficios medioambientais derivados da propia limpeza e conservación do monte por medio da propia acción de conservación e limpeza que fan os porcos é outra das vantaxes advertidas por Carril, quen entende que este tipo de prácticas permiten tamén obter un valor engadido aos propietarios dos montes, coa cría e posterior venda dos animais, cuxa calidade das súas viandas tamén podería verse mellorada polo feito de vivir nun espazo libre.
 

A promoción da carne de porco celta o do seu consumo nas contornas onde se desenvolvan no futuro este tipo de actuacións é outra das accións que contempla desenvolver Asoporcel unha vez que se valide a pertinencia deste novo sistema de manexo dos animais en superficies de monte vecinal.