Saltar ao contido principal
Xornal  »  Un estudo do grupo EPEC-ES2 da USC sitúa no período romano o clímax pre-industrial de contaminación atmosférica por metais traza no norte peninsular

Un estudo do grupo EPEC-ES2 da USC sitúa no período romano o clímax pre-industrial de contaminación atmosférica por metais traza no norte peninsular

Actualizada: 03-04-2013 14:22
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Vista xeral da turbeira de La Molina, emprazada nunha área de intensiva minería en época romana. Foto: José Antonio López Sáez
Os últimos estudos realizados polo grupo EPEC-ES2 da Universidade de Santiago acaban de situar a época de maior actividade mineira dos romanos no norte peninsular entre o século I antes de Cristo e mediados do século IV. Os investigadores chegaron a esta conclusión logo dunha análise detallada da composición química de mostras de turba recollida no Alto de la Espina, na turbeira asturiana de La Molina, para a determinación de metais traza e a composición isotópica do chumbo acumulado. Os investigadores elixiron o Alto de la Espina por consideralo un rexistro “excepcional” polo seu emprazamento, xa que nun radio de 20 quilómetros se atoparon máis de 100 minas da época romana, así como pola alta resolución cronolóxica entre os séculos V antes de Cristo e o VI da nosa era, coincidindo coa época final da Idade de Ferro e Tardoantigüidade.
 
No desenvolvemento deste estudo, que acaba publicar a revista Journal of Paleolimnology, colaboraron ademais investigadores das universidades inglesas de Brunel e Aberdeen e das suecas de Umea e Stockholm, no marco dun proxecto que financia o Ministerio de Economía e a Xunta de Galicia. Como explica o investigador da USC Antonio Martínez Cortizas, as primeiras evidencias de contaminación rexistráronse en mostras datadas a comezos do século III ac. Non obstante, a contaminación metálica “aumentou de xeito abrupto a partir do século I ac”, época que coincide coa chegada dos romanos ao norte peninsular. Os resultados suxiren, en opinión dos investigadores, que a minería romana apoiouse inicialmente nos recursos xa coñecidos polos poboadores locais, para estenderse logo rapidamente.
 
Na fase de máxima contaminación, entre finais do século II e mediados do século IV, arredor do 90% do chumbo total acumulado procedía de fontes de contaminación, particularmente das explotacións mineiras locais. Esta foi “a fase culminante de contaminación na área, comparable a que se produciu con posterioridade na Revolución Industrial e en épocas recentes debido ao uso de gasolinas con chumbo”, explica Martínez Cortizas. A elevada resolución temporal do rexistro permitiu comprobar que a pesar do continuo aumento da contaminación se deron fases de pequenos retrocesos puntuais, “ probablemente relacionadas con períodos de esgotamento das minas abertas e busca de novas explotacións”. A contaminación descendeu, “de xeito tamén abrupto”, a partir de finais do século V e inicios do século VI, coincidindo co colapso do mundo romano.
 
Pegada ecolóxica
A investigación mostra tamén que cada fase de aumento da contaminación foi acompañada por una redución significativa da superficie dos bosques. Antonio Martínez opina que este dato apunta cara o bosque como una fonte esencial de recursos (madeireiros) para o mantemento das actividades mineiras, metalúrxicas e, en xeral, económicas do imperio romano. Impactos semellantes nas masas arbóreas tamén foron detectados nas principais áreas de minería romana de Europa.
 
Diferenzas rexionais
Esta novo traballo de investigación, incrementa o volume de datos que os investigadores teñen na materia e permite buscar semellanzas ou diferenzas entre rexións. Así, a comparación con rexistros de Galicia e País Vasco amosa que en Galicia a minería e metalurxia romana comezou a diminuír en intensidade entre un século e medio e dous séculos antes que en Asturias e País Vasco, se ben o colapso final foi coetáneo en todo o norte da Península, explica o equipo investigador.
 
Segundo Martínez Cortizas, este tipo de investigación pon de manifesto que a xeoquímica ten potentes ferramentas que poden contribuír “ao coñecemento da nosa historia, a analizar as traxectorias dos ecosistemas continentais e as súas causas e a por en contexto o papel das activades humanas na transformación do medio a diversas escalas de tempo”.
 
Precedentes
O mesmo equipo da USC xa realizou en 2012 unha importante achega neste eido, cando un estudo realizado nas turbeiras do Xistral permitiu reconstruír “cunha precisión sen precedentes” a historia da contaminación atmosférica por metais traza no noroeste ibérico dende principios do século XIX.
 
Como explican os seus autores, actividades humanas diversas como a minería e a metalurxia, a queima de combustibles fósiles ou a incineración de residuos emiten á atmosfera metais traza que poden resultar prexudiciais para os ecosistemas e a saúde humana. Estes metais, una vez emitidos son transportados e depositados nos solos e nas augas, podendo pasar ás cadeas tróficas. Debido á continua acumulación de restos vexetais, as turbeiras van enterrando en capas cada vez máis profundas os elementos acumulados nun período dado. Isto posibilita que a análise de testemuños de turba, apoiados nunha cronoloxía precisa, permite facer unha reconstrución da composición da atmosfera no pasado.
 
Recoñecemento de Science
Este mesmo grupo da USC colaborou no desenvolvemento dun estudo nacional que logrou realizar unha reconstrución sen precedentes dos cambios na concentración de metais traza (Fe, Mn, Ni, Cr, Cu, Pb, Cd, Zn, As e Al) no noroeste do Mediterráneo durante os últimos cinco mil anos. Esta achega acaba de recibir o recoñecemento da revista Science ao destacalo na sección Editors' Choice.

Outras imaxes


Distribución das minas romanas no espazo estudado. Foto: Guillermo-Sven Reher Díaz