Saltar ao contido principal
Xornal

Dispoñible o vocabulario de termos esenciais de dereito civil

Actualizada: 23-04-2013 12:13
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
A Facultade de Dereito presentou este martes o cuarto volume da serie de vocabularios de termos esenciais en galego. Logo dos de constitucional, penal e internacional chega agora o de dereito civil, con 1.270 conceptos consultables en galego e castelán. Como é habitual, ademais da súa edición en papel o manual pode consultarse en formato pdf no web do SNL e a través de bUSCatermos, a base terminolóxica da USC.
 
O traballo sobre a área de dereito civil ten unha particularidade moi relevante como é a existencia de conceptos técnicos especificamente galegos. Mentres no dereito constitucional, penal ou internacional se parte dunha conceptualización xurídica determinada pola lexislación estatal ou internacional, si existe un dereito civil galego.
 
Así, a lexislación en castelán vese obrigada a tomar prestados conceptos galegos como as augas de torna a torna, a gabia, o resío ou a serventía, sen denominación propia en castelán, e ao contrario, entradas como servidume de cañada, de cordel e de vereda describen conceptos propios de tradicións xurídicas alleas á galega pero que, por formar parte da española, se inclúen no volume. Precisamente as diverxencias entre sistemas xurídicos, moi patentes no caso anglosaxón, fan que este glosario non se edite nesta ocasión en inglés.
 
O manual, unha acción do plan de normalización da Facultade ‘Témoslle lei’ para aumentar e mellorar o uso da lingua galega no centro, quere resolver as dúbidas terminolóxicas que poidan dificultar o uso do galego por parte de docentes e estudantes, polo que está en marcha a publicación dunha colección de termos esenciais de cada rama do dereito. Xa se está traballando no de administrativo e iniciando a planificación do de mercantil.
 
A presentación deste manual práctico correu a cargo da secretaria xeral da USC, Lourdes Noya; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o decano da facultade, Luis Míguez; a coordinadora da obra, a profesora de dereito civil Antonia Nieto Alonso; e o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala.