Saltar ao contido principal
Xornal

A USC e a Consellaría de Cultura e Educación colaborarán para fomentar o uso do galego entre os membros da comunidade educativa desta universidade

Actualizada: 29-04-2013 13:50
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
O reitor Juan Casares e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Xesús Vázquez, asinaron un convenio de colaboración para o fomento do uso do galego entre os membros da comunidade educativa desta universidade. Deste xeito, USC e Xunta de Galicia renovan a súa cooperación a prol da dinamización da lingua propia de Galicia no ámbito da educación superior, nomeadamente nos contextos académico e administrativo.
 
Este acordo complementa a colaboración que a USC e a Consellaría manteñen ininterrompidamente dende 1994 para darlle continuidade á actividade de investigación que desenvolve o Instituto da Lingua Galega (ILG), ao que o departamento dirixido por Vázquez Abad tamén apoia -por medio do convenio entre a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega- na realización dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras e españois de fóra de Galicia que se desenvolven anualmente en Santiago de Compostela.
 
Formación e normalización
O acordo tamén contempla actuacións específicas de formación e de normalización lingüísticas. Na primeiro destas liñas de actuación, a USC organizará unha decena de cursos para estudantes e persoal docente e investigador, co obxectivo de promover o uso do galego na redacción e no deseño de traballos de investigación, unidades didácticas e presentacións dixitais na actividade académica. Neste mesmo marco, ofertará cursos para non galego falantes dos niveis Básico I e Básico II.
 
Impulsarase tamén a lingua galega na redacción de traballos académicos, de fin de grao e de mestrado por medio da convocatoria de premios á mellor calidade lingüística nestes documentos. Así mesmo, a USC daralle continuidade ás campañas que xa vén desenvolvendo para incentivar a redacción e a defensa en lingua galega de teses de doutoramento.

O volume Termos esenciais de dereito civil, presentado a pasada semana, encádrase tamén neste convenio, no marco da campaña de dinamización lingüística ‘Témoslle LEI’; así como o apoio dende a USC á campaña 'Gústame o galego', que xa conta con gran popularidade entre o alumnado.

Outras imaxes