Saltar ao contido principal
Xornal

A Universidade de Santiago celebrou o Día das Letras Galegas

Presentouse un volume sobre Vidal Bolaño que contén un facsímile do mecanoscrito inédito de Percival

Actualizada: 16-05-2013 14:04
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda á dereita: Francisco Cidrás, Manuel Puga, Juan Casares, Francisco Duran e Anxo Tarrio. Foto Alfonso -SERVIMAV
Como é habitual, a Universidade de Santiago de Compostela sumouse á conmemoración das Letras Galegas cun acto académico celebrado este xoves 16 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, baixo a presidencia do reitor Juan Casares Long e a asistencia de destacadas personalidades do mundo da cultura galega.
 
O director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás Escaneo, presentou o volume Roberto Vidal Bolaño. Día Letras Galegas 2013 que coordinou o profesor Anxo Tarrío Varela, que define a Vidal Bolaño como “un axente cultural que proxectou todas as súas enerxías en renovar, actualizar, mellorar e profesionalizar de vez o teatro galego, un campo cultural tan afeito por inercia a practicar o exclusivo voluntarismo máis ou menos diletante”.
 
No volume, que contén un facsímile do mecanoscrito inédito de Percival, colaboran especialistas en literatura dramática e no espectáculo teatral como Anxo Abuín, da USC, cun estudo sobre a adaptación ao cinema da obra Doentes; IolandaOgando, da Universidade de Estremadura, que fala da ‘mobilidade’ no teatro de Bolaño; Roberto Pascual, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, cun análise da obra última do autor; Carme Silva, da USC, cun estudo lingüístico do orixinal de Percival; Laura Tato, da Universidade da Coruña, que contextualiza o libreto que prepara Vidal Bolaño en 1982 para a posta en escena do relato de Méndez Ferrín Percival e outras historia,; e, finalmente, Roi Vidal, fillo do homenaxeado, que reflexiona sobre a estética dos espectáculos de Teatro Antroido.
 
O acto rematou cunha conferencia do catedrático de Filoloxía Galega Anxo Tarrío Varela, na que ilustrou a traxectoria de Roberto Vidal Bolaño na historia do teatro galego, quen fixo un repaso histórico do teatro en Galicia e puxo ao autor homenaxeado no “centro do teatro galego dende a época da transición política”.
 
Asistiron ao acto o presidente do Consello Social da Universidade, Manuel Puga;  os vicerreitores Francisco Durán, Benita Silva Hermo e Pedro García Herradón; a secretaria xeral e a xerenta da USC, Lourdes Noya e Lourdes Batán, respectivamente; ademais de varios decanos e directores de institutos universitarios e o valedor da comunidade universitaria, Miguel Alcaraz.
 
Tamén participou un destacado número de autoridades da cultura e da política, entre elas a vicesecretaria da Mesa do Parlamento, Concepción del Burgo López; o valedor do Pobo, José Julio Fernández; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o conselleiro do Consello de Contas de Galicia, Antonio López Díaz; a concelleira de Normalización lingüística de Santiago, Rebeca Domínguez; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio Barrio; e o comisario da Policía, Simón Sabariz.
 
Vidal Bolaño na rede
Precisamente co gallo do Día das Letras Galegas, a Biblioteca Universitaria da USC (BUSC) elaborou un blog dedicado á figura e á obra de Roberto Vidal Bolaño, que recolle unha bibliografía completa sobre o autor, ao tempo que amosa os fondos que posúe tanto das obras como das críticas arredor de Vidal Bolaño.
 
O novo portal, denominado ‘Letras Galegas 2013’, súmase ao ‘Fonseca’ da Biblioteca e aos desenvolvidos por outros centros da propia institucións. Deseñouse unha estrutura con varios apartados que recompilan a produción literaria e xornalística do autor e que agrupan os documentos baixo as etiquetas ‘Teatro de RVB na BUSC’, ‘Outros escritos de RVB na BUSC’, ‘Obra colectiva na BUSC’ e ‘Entrevistas’.
 
O material posto a disposición das persoas interesadas actualízase a medida que se vai enriquecendo o fondo bibliográfico da BUSC, incluíndo unha breve cronoloxía que contén os enlaces aos volumes no propio catálogo da BUSC e facilitando a quen estea interesado/a na obra de RVB a súa localización nas bibliotecas que forman parte da rede da BUSC. Este servizo universitario tamén organiza a bibliografía sobre a obra de RVB que estará dispoñible en breve e dará conta tamén das últimas achegas publicadas recentemente.



 


Outras imaxes


Público asistente ao acto das Letras Galegas. Foto Alfonso -SERVIMAV