Saltar ao contido principal
Xornal

Preservando a memoria histórica documental

O Arquivo Histórico Universitario recibe en 2012 preto de 300.000 consultas

Actualizada: 04-06-2013 09:16
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Arquivo Histórico sitúase en pleno centro histórico da cidade
Posúe tanta historia como a propia Universidade compostelá e menos que os documentos que custodia. O Arquivo Histórico Universitario é o garante de que a nosa memoria documental perdure no tempo, adecuando os seus procedementos á nova realidade tecnolóxica. Dende 1997 está dixitalizando a bo ritmo a maior parte dos seus fondos, que xa se poden consultar en liña.
 
Tradicionalmente vencellado á conservación e custodia dos fondos propios da Universidade, o Arquivo Histórico Universitario experimentou nos anos 40 do pasado século un xiro de enorme transcendencia para a súa historia cando comeza a contar con documentación relativa á cidade e ao seu contorno. É tamén a finais dese século cando atopa por fin o seu emprazamento definitivo, no histórico antigo edificio da Casa Simeón.
 
O fondo componse de 9.000 metros lineais de documentos, sendo o universitario o máis voluminoso e ao que lle seguen os protocolos notariais dos distritos de Arzúa, Corcubión, Melide, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Padrón e Santiago.
 
No Arquivo pódese atopar ademais a documentación do Hospital Real; dos mosteiros e conventos, cabidos catedralicios, confrarías e outras institucións eclesiásticas ás que afectaron as Leis desamortizadoras do XIX; das antigas contadorías de Santiago e das oficinas liquidadoras de Carballo, Corcubión, Negreira, Padrón e Santiago; fondos xudiciais coas causas civís e criminais das antigas xurisdicións de Santa Marta de Ortigueira, Cedeira e As Pontes de García Rodríguez; o fondo municipal do propio concello de Santiago e os dos antigos de Sar, Enfesta e Conxo; o fondo Castroviejo Blanco-Cicerón; ademais de arquivos políticos e sindicais, musicais e mapas e planos.
 
Segundo se desprende da memoria anual do centro, todos estes fondos foron consultados in situ en 2012 por preto de 1.000 investigadores, que fixeron máis de 60.000 consultas (maioritariamente aos protocolos notariais). Ademais, a base de datos en liña consultárona ese ano máis de 6.000 persoas, cun total de 226.000 consultas.