Saltar ao contido principal
Xornal  »  A convocatoria de ESTALMAT-Galicia 2013 bate o seu récord de aspirantes con 354 candidaturas a talentos matemáticos

A convocatoria de ESTALMAT-Galicia 2013 bate o seu récord de aspirantes con 354 candidaturas a talentos matemáticos

A proba de selección celébrase este sábado 8 na Facultade de Matemáticas

Actualizada: 07-06-2013 11:11
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
Un total de 354 estudantes de toda Galicia nacidos/as en 2000 e 2001 participan este sábado 8 de xuño nas probas de selección dos 25 estudantes da 7ª promoción do Proxecto ESTALMAT- Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas, que dirixe o catedrático de Matemática Aplicada da USC Juan Viaño. 
 
Os participantes, 207 rapaces e 147 rapazas, proceden na súa maioría das provincias da Coruña (216) e Pontevedra (109), seguidas das de Lugo (22) e Ourense (7), tanto do ensino público (255) como do privado (99). Con este número de inscritos o Proxecto ESTALMAT-Galicia consolida a súa andaina dende 2007 e sobrepasa a media dos 5 últimos anos. Cos desta edición, son xa preto de 2.000 os/as alumnos/as que con 12 ou 13 anos teñen pasado pola Facultade de Matemáticas nos últimos seis anos para facer a proba de selección. Deles, foron seleccionados/as 175 para participar no programa de talentos matemáticos. 
 
A proba, consistente na resolución de seis problemas de distinto tipo, celebrarase a partir das 9.45 horas na Facultade de Matemáticas. Ten unha duración de 2 dúas horas e 30 minutos. Ao final, arredor das 12.45 horas, os/as participantes reuniranse para unha foto de grupo nas escaleiras da Facultade de Matemáticas aberta a todos os medios de comunicación. Durante a primeira parte da proba, os familiares dos estudantes asistirán a unha sesión informativa sobre o proxecto Estalmat-Galicia, impartida polo presidente do proxecto, Juan Viaño.
             
A proba deste sábado estará coordinada polos profesores Victor Pollán, Julio Rodríguez e Jesús Calvo coa axuda da secretaria administrativa do proxecto Ana Paz. A organización fai un chamamento á responsabilidade dos familiares dos/as participantes para facilitar os movementos nos accesos á Facultade, pois a masa total de xente que se reunirá ascenderá a preto de 1000 persoas.
 
As probas corríxeas de forma anónima un equipo de doce profesores, con dúas correccións independentes para cada problema, mentres que a preselección a realiza o conxunto do comité. A lista alfabética dos 50 primeiros preseleccionados farase pública na páxina web do proxecto (www.estalmatgalicia.com) entre o 10 e o 15 de xuño. Os primeiros 25 rapaces preseleccionados e os seus pais/nais/titores serán convocados a unha entrevista persoal, pois deberán adquirir o compromiso de acudir ás actividades do Proxecto.
 
As actividades de Estalmat terán lugar na Facultade de Matemáticas, en sesións de 3 horas, nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos (20 sesións cada ano), con posibilidade de continuar dous anos mais (6 sesións en cada un). O equipo docente que atenderá aos estudantes seleccionados está formado por 42 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas.
 
Con esta iniciativa, trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, gozar desta ciencia ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade.
 
ESTALMAT-Galicia
O Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia forma parte do Proxecto ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Conta co aval científico e económico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais; da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC), da Fundación Vodafone España, das deputacións da Coruña e Lugo e do Concello de Guitiriz, ademais da infraestrutura e apoio xeral achegados pola Universidade de Santiago de Compostela, dun xeito especial pola Facultade de Matemáticas e o seu equipo decanal.
 
O proxecto está conectado tamén coas actividades da Olimpíada Matemática (Fase Galega e Española) e as actividades de divulgación da Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (AGAPEMA).  Para acadar mais información sobre o proxecto, as persoas interesadas poden dirixirse á web http://www.estalmatgalicia.com.