Saltar ao contido principal
Xornal  »  Expertos de toda España revisarán as novidades normativas que afectan ás universidades

Expertos de toda España revisarán as novidades normativas que afectan ás universidades

Actualizada: 07-06-2013 12:05
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
O Curso de Réxime Xurídico das Universidades celebrará a súa décimo segunda  edición na Universidade de Santiago, punto de reunión de asesores xurídicos e persoal de todas as universidades españolas que analizará os novos tempos nos que está inmersa a universidade española dende o punto de vista normativo. Neste senso se prestará especial atención á nova normativa en materia de investigación que se ten ditado nos últimos anos e os seus efectos sobre o réxime xurídico da propiedade intelectual e industrial do persoal universitario.
 
Este encontro tamén analizará os efectos e incidencia da lexislación laboral xeral sobre as universidades, con especial atención sobre os contratos de persoal de proxectos de investigación e sobre un novo réxime xurídico do persoal da universidade en tempo de crise e de recorte de gastos e de dereitos. Tamén se revisará a incidencia sobre a autonomía universitaria da normativa estatal e os axustes orzamentarios así como os efectos dos novos proxectos normativos.
 
Tamén se dedicará espazo á fiscalización, a través da realización dunha análise das debilidades no control das universidades, das responsabilidades contables dos xestores e funcionarios e os efectos da contabilidade analítica sobre a xestión universitaria. O encontro celebrarase ao longo dos vindeiros días 13 e 14 organizado pola USC e a Asociación para o Estudo do Dereito Universitario (AEDUN) coa presenza de preto dun centenar de representantes de universidades españolas e portuguesas.

Para acadar máis información, a persoas interesadas poden dirixirse á web do congreso no enderezo http://www.usc.es/congresos/xiicursorju/index.htm.