Saltar ao contido principal
Xornal

A Facultade de Medicina realizou a primeira Avaliación de Competencias Obxectiva Estruturada

É unha práctica na que o estudantado se enfronta e situacións reais figuradas e que se incorporará no proceso de avaliación do grao en Medicina en sexto curso

Actualizada: 10-06-2013 14:49
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Participou estudantado voluntario de 6º da Licenciatura en Medicina
 
Alumnado de sexto curso da Licenciatura en Medicina participou esta fin de semana na primeira Avaliación de Competencias Obxectiva Estruturada (ACOE), unha proba na que os futuros profesionais se enfrontan a casos de pacientes estandarizados e simuladores de habilidades clínicas. Estes representan unha situación clínica específica que permite ao alumnado realizar unha anamnese completa e, nalgúns casos, tamén unha exploración clínica. Estas simulacións estandarizadas, realizadas nas consultas externas do Hospital Clínico Universitario de Santiago, son básicas á hora de valorar a capacidade do/a futuro/a profesional de entaboar unha boa relación co doente e a forma de levar unha consulta.
 
Como explicou o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal, a realización deste tipo de probas vai ser o motor do cambio da forma na que se imparta a docencia en Medicina, cunha maior orientación práctica tendente a que o alumnado adquira e saía da Facultade non só cunha sólida formación teórica senón tamén con competencias profesionais.
 
A Facultade de Medicina da USC, engadiu o profesor Gestal, está realizando un importante esforzo para fomentar o uso de simuladores que favorezan a adquisición polos alumnos de habilidades previas á práctica clínica. Procedementos médicos estándar como poden ser a realización dunha sutura o unha reanimación cardíaca pulmonar son practicados en simuladores ata que o alumno adquira un grao de destreza que lle permite enfrontarse con totais garantías a súa etapa de formación hospitalaria con pacientes.
 
Na preparación das ACOE traballaron ao longo destes dous últimos meses e baixo a dirección do profesor Víctor Arce, os profesores Joaquín Potel Lesquereux (cirurxía), Antonio Rodríguez Núñez (UCI Pediatría), Miguel Blanco González (neuroloxía), Mª Begoña Dueñas Carazo (Obstetricia e xinecoloxía), Purificación Parada González (cirurxía), Alberto Ruano Raviña (medicina preventiva) e Sofía Santos Pérez (Otorrino). A realización da proba contou coa colaboración dos residentes José Moure González e Marta Bouzón Alejandro, de pediatría; Joan Francesc Andreo Marroig, de otorrinolaringoloxía; Sara López Goye e Manuel Paz Novo, de cirurxía; e Gustavo Fernández Pajarín e María Santamaría Cadavid, de neuroloxía, actuando algúns deles como pacientes estandarizados.
 
O adestramento dos pacientes estandarizados é un proceso longo que require a elaboración dun guión sobre a enfermidade simulada no que se recollen todos os datos clínicos necesarios (signos, síntomas, antecedentes persoais e familiares, entorno familiar, social e laboral) para poder responder ás preguntas que lle deberá facer o alumno durante o interrogatorio. Algunhas exploracións físicas realízanse nos pacientes estandarizados pero, nos casos en que a exploración física non poda realizarse, a exploración se realiza sobre maquetas que poden reproducir unha patoloxía (por exemplo, unha otite ou un nódulo mamario) ou unha situación normal (exploración xinecolóxica).
 
Ademais, na ACOE se utilizan imaxes (radiografías, ecografías) e probas complementarias (ECG, analíticas de sangue ou ouriños) que o alumnado deberá integrar co resto da información obtida a partir dos/as pacientes e simuladores para poñer a proba o seu xuízo clínico e poñer en marcha as medidas adecuadas en canto ao manexo do paciente e o seu posible tratamento, medidas de prevención ou derivación a un especialista.

Como explicou o decano, a proba discorreu de modo moi satisfactorio estando previsto dentro duns días presentar os resultados e ensinanzas adquiridas. O próximo curso se implanta o 6º curso de grado no que xa será necesario realizar esta proba con carácter sancionador.  Árealización da proba asistiron ademais do decano de Medicina, Juan Gestal; o presidente da Sociedad Española de Educación Médica, Benjamín Abarca, e a codirectora da Cátedra de Educación Médica, Pilar Rodríguez.

Outras imaxes


Para a realización dalgúns probas utilizáronse simuladores