Saltar ao contido principal
Xornal

Preto de duascentas persoas participarán a vindeira semana nos cursos sobre ‘O corpo a debate’ e sobre as plantas medicinais nas reservas da biosfera

Actualizada: 26-07-2013 14:31
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo
‘O corpo a debate’ e 'As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses' son os dous cursos de verán que comezarán a súa actividade o próximo luns 29 na Facultade de Filosofía de Santiago e na Escola Politécnica Superior de Lugo, respectivamente.
 
Nun acto previsto ás 9.30 horas dará comezo no Salón de Actos da Facultade de Filosofía o curso de verán ‘O corpo a debate: diversidade nos mecanismos, prácticas e avatares da corporalidade como inscrición social’, organizado polo proxecto campUSCulturae ao longo da semana próxima e ata o 1 de agosto. O curso, dirixido por Xosé A. Neira Cruz e secretariado por Enrique Latorre Ruiz, concitou o interese de 77 persoas que formalizaron a súa matrícula nesta proposta da Universidade de verán da USC na que participarán, entre outros, os profesores da USC Ángel Carracedo e Teresa Moure, a investigadora da Universidade Complutense de Madrid Raquel Lucas Platero ou o teólogo e profesor Andrés Torres Queiruga.
 
O corpo a debate entronca coa celebración do congreso ‘NOSoutros: Arte, comu-nicación e integración social’, que tivo lugar o pasado mes de decembro na Facultade de Ciencias da Comunicación. Segundo explican os promotores deste curso, a raíz do devandito congreso emerxeu unha batería de cuestións que desbordaban o marco expositivo do mesmo. Así, o feito de reflexionar arredor da diversidade orgánica e funcional destapou a necesidade de reformular, máis en profundidade, a problemática do corpo como inscrición social, engaden os organizadores. O curso de verán ‘O corpo a debate’ será retransmitido en streaming a través da web do proxecto campUSCulturae (http://campusculturae.usc.es).
 
As plantas medicinais nas reservas da biosfera
O curso ‘As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das reservas da biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses’ reunirá no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo preto de cen persoas dende o 29 de xullo ata o 1 de agosto.
 
O vicerreitor adxunto de Innovación e Investigación do campus de Lugo, Pablo Ramil; os directores deste seminario da Universidade de Verán 2013, Rosa Romero e Antonio Rigueiro; e o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno, inaugurarano o luns, a partir das 9.30 horas no salón de actos da EPS o mesmo escenario no que, a partir das 10.00 horas, o profesor do Departamento de Botánica da USC Pablo Ramil ofrecerá un relatorio sobre a historia da utilización das plantas medicinais.
 
Os principios activos e a actividade terapéutica dos principais grupos de plantas medicinais, as especies vexetais con interese medicinal en Galicia, e a influencia dos factores ambientais nas propiedades destas plantas serán outros dos temas que abordarán na primeira xornada deste curso de verán, cuxos organizadores acordaron trasladar a súa sede de celebración do Ibader á Escola Politécnica logo de comprobar o elevado número de persoas inscritas.
 
A temática dos relatorios programados na segunda xornada deste curso abrangue cuestións moi diversas, tales como a importancia económica do aproveitamento de plantas medicinais, o seu procesado industrial ou o cultivo ecolóxico. Os modelos de produción e cultivo destes vexetais en Cataluña centrará o último dos relatorios que se celebrarán o 30 de xullo.
 
A penúltima xornada do curso ‘As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das reservas da biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses’, inclúe unha viaxe de prácticas á Ínsua de Seivane, dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño e do LIC Ladra-Parga-Támoga, durante a que as persoas inscritas neste curso de verán da USC poderán poñer en práctica e recoñecer as distintas plantas medicinais que atopen no campo. Xa pola tarde, haberá obradoiros de cosmética natural, que serán impartidos por persoal de Milhulloa Plantas Medicinais e Aromáticas Sociedade Cooperativa Galega.

 Este curso de verán sobre plantas medicinais, o programa da Universidade de Verán 2013 que conta cun maior número de persoas inscritas, rematará o 1 de agosto con dous relatorios sobre fungos medicinais e recolección e cultivo de xanzá.